Modena

Modena

Capital da provincia homónima, na rexión de Emilia-Romaña, Italia (175.442 h [2001]). Situada na alta chaira emiliana, entre os ríos Secchia e Panaro, é un importante centro comercial e nó de comunicacións. Posúe industria de automóbiles (Maserati), material ferroviario e calzado. Habitada polos lígures e os etruscos, foi ocupada sucesivamente polos boios (s V a C) e polos galos (s IV). No s VI conquistárona os lombardos, que lla disputaron aos bizantinos, e en 961 pasou aos Canossa, que foron condes ata 1115. Convertida en señorío dos Este (1288), en 1452 o emperador outorgóullela como ducado, e no s XVI disputouna o papa. Foi ocupada por Francia (1703-1707 e 1734-1736) e por Austria (1742-1749), e novamente por Francia en 1796. Formou parte do Reino de Italia (1805) ata que o Congreso de Viena lla restituíu aos duques (1815), que a retiveron ata a Batalla de Magenta (1859). En 1860 anexionouse definitivamente ao Reino de Italia. Do seu patrimonio cultural destaca a catedral (ss XII-XIV), as igrexas de San Vincenzo (s XVII), de San Pietro e de San Francesco, e o antigo Palazzo Ducale (s XVII). A catedral, a torre Civica e a Piazza Grande da cidade foron declaradas Patrimonio da Humanidade pola UNESCO (1997).