modernismo

modernismo

(< moderno)

  1. s m

    Calidade de moderno.

  2. s m

    Afección excesiva as tendencias ou gustos modernos.

  3. s m [ARTE/LIT]

    Movemento cultural que tivo lugar en Occidente entre finais do s XIX e comezos do s XX. Designa as correntes arquitectónicas e decorativas da arte occidental, coñecidas noutros países como Art Nouveau, Modern Style, Jugendstil, Stile Liberty, Style 1900 ou Style Nouille, entre outros. É un estilo derivado basicamente do prerrafaelismo e do simbolismo, e continuador das teorías de W. Morris e J. Ruskin. Caracterizouse polo predominio da curva sobre a recta, a riqueza e o detalle da decoración, onde foi frecuente a inspiración e o uso de motivos vexetais, o gusto pola asimetría, a estética refinada e o dinamismo das formas. A súa orixe sitúase en Inglaterra, onde as influencias do movemento Arts and Crafts e o revival gótico deran xa cara a 1870-1880 o Aesthetic Movement, estilo que serviu como preludio. Na segunda metade da década de 1880 apareceron as primeiras obras modernistas (A. Gaudí e L. Domènech en Catalunya, L. H. Sullivan en EE UU), e na década seguinte xeneralizouse a obra de arquitectos como os belgas V. Horta e H. C. van de Velde, o francés H. Guimard, o escocés C. R. Mackintosh, o alemán A. Endell e os austríacos O. Wagner, J. Hoffmann e J. M. Olbrich; de artesáns como os franceses R. Lalique e E. Gallé, e o norteamericano C. L. Tiffany; e de ilustradores e cartelistas como o inglés A. V. Beardsley e o checo A. M. Mucha. En Francia, en 1895 Siegfried Bing abriu a tenda Art Nouveau, que contribuíu a poñer de moda o estilo que foi difundido pola revista muniquesa Jugend, fundada en 1896, e que lle deu o nome. No mundo xermánico o movemento estaba moi ligado á Sezession. O triunfo internacional do estilo produciuse na Exposición Universal de París de 1900. En Galicia a arquitectura modernista conviviu cos estilos históricos. Destacaron R. Boán Callejas, J. Galán Carvajal, A. López Hernández, os irmáns Gómez Román, X. de la Fuente Domínguez, X. Franco Montes e R. Ucha Piñeiro. A obra de R. González Villar evolucionou desde o modernismo ao racionalismo. No campo literario, o modernismo tivo unha especial repercusión nas literaturas castelá e galega. Tivo a súa orixe en Hispanoamérica e, introducido en España por Rubén Darío, foi paralelo á Xeración do 98, coa que mantivo diversos puntos de contacto, como unhas mesmas actitudes, as preocupacións polo futuro de España, polo home e pola busca dun novo estilo. Se a Xeración do 98 foi un movemento por riba de todas as ideoloxías e espiritual, o modernismo foi un movemento esencialmente estético e un reflexo das correntes renovadoras europeas, como o parnasianismo e o simbolismo. En América, un grupo de poetas, entre os que se inclúen José Martí, Julián del Casal, José Asunción Silva, Manuel Gutiérrez Nájera e Salvador Díaz Mirón, iniciaron, baixo a influencia francesa, novas formas poéticas que sinalou Rubén Darío nalgunhas das súas obras, como Azul (1888), Prosas profanas (1896) e Cantos de vida y esperanza (1905), e que constituíron unha auténtica revolución na poesía castelá. Por unha banda revalorizaron a música do verso, empregaron o alexandrino francés e ampliaron as formas métricas tradicionais; pola outra, tiveron unha refinada sensibilidade pola percepción da beleza, unha devoción pola arte, un gusto polo exotismo e a fantasía, a exaltación da natureza e un inconformismo acentuado, con formas esaxeradas de vida bohemia e actitudes audaces. Entre os poetas modernistas destacaron Manuel Machado, Francisco Villaespesa, Tomás Morales e Eduard Marquina i Angulo. A estes habería que engadir o extraordinario estilo modernista de Ramón Mª del Valle-Inclán, e incluso Antonio Machado e Juan R. Jiménez, que tamén sentiron a tentación pola nova estética. Entre os autores americanos que seguiron as pautas de Rubén Darío cómpre mencionar a Guillermo Valencia, Leopoldo Lugones, Amado Nervo, José Santos Chocano e Julio Herrera y Reissig. Na literatura galega, a influencia do modernismo apenas si se deixou sentir nos autores da época, pois rapidamente quedou ensombrecido pola influencia dos autores do Grupo Nós e polas novas correntes vangardistas, que si callaron con forza en Galicia. A única excepción veu da man de Ramón Cabanillas, un autor difícil de encadrar nunha corrente concreta, e que amosou trazos rubeniano-modernistas en parte da súa obra. Outros poetas que, en menor medida, amosaron algún interese pola nova estética foron Antonio Noriega Varela, Gonzalo López Abente, Vitoriano Taibo, Xerardo Álvarez Limeses e Antonio Rey Soto.

  4. s m [RELIX]

    Movemento relixioso que marcou o inicio do s XX e que apareceu por primeira vez na encíclica Pascendi dominici gregis como unha denominación común a unha serie de erros. Prentendeu conseguir unha interpretación e acomodación das crenzas e das doutrinas tradicionais aos novos tempos, poñendo de acordo a doutrina cristiá coa filosofía e a ciencia da época e favoreceu a interpretación subxectiva de moitos contidos relixiosos. Afrontou tres series de problemas: o teolóxico da evolución dogmática, o histórico da formación ou formulación das doutrinas, e o psicosociolóxico das transformacións na fe relixiosa. Os conceptos afrontados polo modernismo foron os fundamentais: o valor do coñecemento en orde á fe; a revelación, que quedou privada de todo carácter de inspiración; e o principio de evolución aplicado tanto ao dogma como a toda a tradición da Igrexa. O movemento entroncou co liberalismo protestante e o reformismo católico alemáns, co movemento inglés de Oxford, co Risorgimento italiano e co rexurdimento dos estudos bíblicos en Francia. Os seus principais representantes foron A. Loisy, G. Tyrrell, F. von Hügel e E. Buonaiuti. A primeira intervención pontificia produciuse en 1903 para condenar cinco obras de Loisy. Despois publicaron o decreto Lamentabili (1907), a encíclica Pascendi dominici gregis (1907) e o motu proprio Sacrorum Antistitum (1910), impoñendo o xuramento antimodernista.