Molucas, illas

Molucas, illas

Arquipélago de Indonesia que está situado no Océano Pacífico, entre as illas Célebes ao O, Nova Guinea ao L e Timor ao SO (74.505 km2; 1.205.539 h [2000]). Forman unha provincia, con capital en Ambon. Está constituído no N polas pequenas illas volcánicas de Morotai, Bacan, Obi e a illa Halmahera, a máis grande; no centro, polas illas de Buru e Seram; e en dirección SL polo grupo das illas Tanimbar. O clima é cálido, afectado pola influencia do monzón. A vexetación é de bosque e sabana. Durante moito tempo foron as principais produtoras mundiais de noz moscada e de cravo, e tamén tiñan produción de cocos e cultivos de arroz e copra na costa. Islamizadas no s XV, foron disputadas por portugueses e casteláns e repartidas polo Tratado de Tordesillas (1494). En 1529 Carlos V cedeu os seus dereitos sobre as illas a Portugal. En 1641 os neerlandeses anexionaron o arquipélago ás súas colonias indonesias, ata que no s XVIII, a baixada do prezo das especias e a resistencia dos habitantes, fixo minguar o interese por elas. Foron ocupadas polos ingleses entre 1796 e 1814 e polos xaponeses entre 1942 e 1945; en 1949 constituíron a República das Molucas do Sur, que foi ocupada polos indonesios, o que provocou unha resistencia contra a anexión.