molusco

molusco

(< lat molluscu ‘brando’)

  1. [ANIMAL]
    1. adx

      Relativo ou pertencente aos moluscos.

    2. s m

      Animal do filo dos moluscos.

    3. s m pl

      Filo de animais metazoos triploblásticos celomados, de simetría bilateral, que presentan o corpo brando e non segmentado, excepto nos monoplacóforos, mucoso e provisto dunha pregadura dorsal, o manto, que delimita unha cavidade, a cavidade palial, entre el e a superficie dorsal. O manto pode segregar unha cuncha provista dunha ou máis partes, que nalgúns grupos moi evolucionados pasa a ser interna, se reduce moitísimo ou mesmo chega a desaparecer. Xeralmente, o corpo está dividido en tres rexións, cabeza, masa visceral e pé, aínda que esta disposición sofre moitas variacións nalgúns grupos. A cabeza está ben desenvolvida, excepto nos lamelibranquios e os escafópodos, e leva os órganos dos sentidos. A masa visceral, enrolada en espiral nos gasterópodos, está protexida pola cuncha, cando a hai. O pé é un órgano ventral moi variable en cada grupo de moluscos, pero sempre cunha misión locomotriz ou escavadora. O filo dos moluscos, posiblemente orixinados a partir dos anélidos, inclúe unhas 80.000 especies, a maior parte delas acuáticas e mariñas.

  2. [PAT]
    1. s m

      Nome xenérico de diversas afeccións da pel que se caracterizan principalmente pola formación de pequenos tumores subcutáneos, brandos e redondos.

    2. molusco contaxioso

      Dermatose infecciosa e autoinoculable, causada por un virus de grandes dimensións, que presenta pequenos nódulos múltiples, hemisféricos, umbilicados no centro, translúcidos, de cor branca ou rosada, e que afecta principalmente á cara.

Palabras veciñas

Molucas, illas | Molucas, mar das | molura | molusco | moluscoide | Molva | Molvízar