Mondoñedo, catedral de
Catedral situada en Mondoñedo, baixo a advocación de Nosa Señora da Asunción. A diocese data do s VI pero o seu emprazamento actual non foi efectivo ata o primeiro terzo do s XII. As obras do templo iniciáronse en 1219 e a catedral foi consagrada en 1248 polo bispo Martiño. Nos ss XVI e XVIII leváronse a cabo reformas aínda que se mantivo parte da estrutura interna primitiva. Conxuga diferentes estilos arquitectónicos a pesar de que nun principio seguía os cánones románicos. Na súa orixe tiña planta basilical, que se converteu en rectangular de tres naves cunha única ábsida. A construción comezou pola cabeceira do templo, que se iniciou en estilo románico. Os piares desta etapa teñen sección cruciforme e o arco transversal no muro das naves menores repousa nunha semipilastra. Despois impúxose o estilo gótico oxival e os arcos foron apuntándose e as bóvedas pasaron a ser de cruzaría agás as da cabeceira, que se mantiveron de estilo románico. No s XVI realizouse a ampliación das fiestras e das vidrieiras e, entre finais do s XVI e principios do s XVII, a planta e a estrutura do edificio transformáronse de novo, pasando a ter un deambulatorio e varias capelas absidais, obra de Pedro de Morlote. A sancristía cubriuse cunha bóveda estrelada e detrás da capela maior abriuse un arco que se converteu en capela de San Rosendo e en relicario. O claustro construíuse no s XVII. No s XVIII reorganizouse a fachada principal e colocáronse os órganos, baixo o mecenado do bispo Muñoz y Salcedo.
As capelas
Na capela maior destaca o retablo maior barroco do s XVIII, obra de Castro Bahamonde e Riobóo co tema da Asunción e a Trindade. A bóveda da capela decórase con pinturas murais, obra de José Terán, que aluden ás virtudes cardinais. Na bóveda do transepto represéntase o Xuízo de Salomón acompañado doutros personaxes do Antigo Testamento. Na capela da Concepción sobresae o sepulcro de Álvaro Pérez e a súa dona e o retablo plateresco que representa, no primeiro corpo, a santa Ana coa Virxe nena (s XV) acompañada de santa Catarina (s XVI) e san Sebastián (s XVIII) e, no segundo corpo, a Inmaculada (s XVI) con santa Bárbara (s XVIII) e Santiago (s XVII). O retablo remata cunha crucifixión. Destacan tamén a capela da Virxe inglesa, que acolle unha imaxe da virxe traída de Londres no s XVI, a capela do Cristo da Boa Morte, a capela da Soidade e a capela de San Francisco, cun retablo neoclásico do s XVIII.
As pinturas murais
Ademais das pinturas da capela maior e do transepto, destacan os murais da nave principal, obra do denominado mestre de Mondoñedo. Representan a matanza dos Santos Inocentes, no lado da Epístola, e escenas da vida e a crucifixión de san Pedro, no lado do Evanxeo.
O coro e o claustro
O coro da catedral, cuxo cadeirado mesturou os estilos gótico e renacentista, pertence aos primeiros anos do s XVI e, como a maioría deles, non se atopa no seu lugar orixinario. A súa construción atribúeselle ao mestre Fadrique, autor tamén do antigo retablo que existía na capela maior antes do actual. A decoración é moi variada e recolle escenas de sátira relixiosa, temas profanos e refráns. O claustro foi construído por orde de Diego Ibáñez Pacheco arredor de 1636; é de estilo herreriano e está baseado no do colexio de Nosa Señora da Antiga en Monforte de Lemos. Ten unha soa planta con columnas dóricas sostendo 52 arcos de medio punto coas impostas moi marcadas. No centro do claustro destaca un cruceiro da mesma época. A galería cóbrese con bóvedas de canón reforzadas por arcos faixóns sostidos por pilastras lisas que seguen a austeridade característica do estilo herreriano.
A fachada
A fachada principal conserva a primitiva portada románica con dobre arquivolta, aínda que foi sometida a unha intensa reforma no s XVIII en estilo barroco. Os antigos contrafortes transformáronse en pilastras toscanas e engadíronse tres corpos ás torres cupuladas, rematadas nunha balaustrada. Desapareceron as escaleiras da entrada e prolongáronse as columnas. Ademais, nesta época, tamén se esculpiu o gran escudo de armas dos Salcedo. Enriba dos ventanais das naves menores colocáronse dous relevos de san Xerónimo e san Lourenzo. Na fronte sitúase un rosetón duns cinco metros de diámetro enmarcado por un arco oxival central, e enriba deste a imaxe da Virxe da Asunción e a figura de san Rosendo, patrón de Mondoñedo, amodo de acrotera. A catedral foi declarada Ben de Interese Cultural en 1902.