Mondoñedo, Nosa Señora dos Remedios de
Igrexa situada en Mondoñedo. Foi construída en estilo barroco entre 1733 e 1738, por orde do bispo A. Alexandre Sarmiento, e realizouse en cantaría granítica sobre unha antiga ermida. Ten planta de cruz latina cunha soa nave, cruceiro, capela maior e sancristía detrás. A fachada data de 1755 e presenta rosetón circular e un frontón curvo, flanqueado por dúas torres de dous corpos rematadas en cúpula. Conserva unha inscrición coa data de fundación no lintel da portada principal. No interior destaca o retablo maior barroco do s XVIII coa talla da Virxe dos Remedios, o arco sepulcral, onde descansan os restos do bispo Sarmiento, a bóveda de canón das naves, os brazos do cruceiro e a capela maior. Neste santuario celébrase a concorrida romaría dos Remedios.