Monforte de Lemos, castelo de
Construción situada en Monforte de Lemos. Datada a finais do s XIII e comezos do XIV e construída polos condes de Lemos, reforzouse no s XVI despois das Guerras Irmandiñas. Da primitiva fortaleza consérvase a torre de homenaxe, de 30 metros de altura, con muros de cantaría e planta cuadrangular, e parte dos muros que rodeaban o monte. Da segunda etapa conserváronse restos da muralla e dos cubos cadrados e semicirculares que a reforzaban, e dúas portas de acceso ao recinto. A principal ten os seus lados dúas torres de planta cadrada entre as que se abre un arco de medio punto coroado polos escudos dos Osorio e os Castro. A porta de Alcazaba ten catro pisos, os tres primeiros con vigas apoiadas en impostas e o derradeiro cunha bóveda de canón apuntada. No terceiro piso ten unha ventá aximezada con arcos trebolados coñecida como a ventá da raíña. A torre remátase con ameas voadizas. Ao seu lado atópase outra torre posterior. Foi declarado Ben de Interese Cultural (BIC) en 1994.