Moniz, Antonio Caetano de Abreu Freire Egas

Moniz, Antonio Caetano de Abreu Freire Egas

Neurólogo e político portugués. Estudou medicina na Universidade de Coimbra, onde se doutorou en 1899. En 1902 pasou a exercer como profesor na facultade de Medicina da mesma universidade. En 1911 trasladouse á de Lisboa para ocupar a cátedra de Neuroloxía; en 1929 ostentou o cargo de director do centro. Introduciu e desenvolveu a anxiografía cerebral, método de diagnóstico de gran valor para a detección de enfermidades intracraniais que permite ver os vasos sanguíneos do cerebro ao inxectarlles substancias opacas aos raios X. En 1936 realizou con A. Lima unha lobotomía, primeira intervención cirúrxica no cerebro para tratar unha enfermidade mental. Compaxinou o seu labor científico coa carreira política; foi deputado (1903-1917), embaixador de Portugal en España (1917), ministro de Asuntos Exteriores (1918) e presidente da delegación portuguesa da Conferencia de Paz de París (1918). Publicou máis de 300 traballos científicos e estudos sobre figuras das letras e das artes plásticas entre os que destacan Diagnostic des Tumeurs Cérébrales et Épreuve de l’Encéphalographie Arterielle (1931), L’Angiographie Cérébrale. Ses Applications et Résultats en Anatomie, Physiologie et Clinique (1934) e La Leucotomie Pré-Frontale, Traitement Chirurgical de Certaines Psychhoses (1936), e Ao mestre José Malhoa (1928) e Júlio Dinís e a sua obra (1928). En 1949 Recibiu o Premio Nobel de Fisioloxía e Medicina (1949), xunto con W. R. Hess, polo conxunto dos seus descubrimentos sobre as enfermidades mentais.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Avanca

  • Deceso

    Lugar : Lisboa