Montañas Rochosas
Cadea montañosa de América setentrional que delimita polo O a rexión central das Grandes Chairas, desde o estreito de Bering ata Novo México. Está delimitada, ao N, pola costa do Kotzebue Sound e ao S polas escarpas que caen sobre o altiplano de Transpecos, preto de Santa Fe (Novo México); ao L polas Grandes Chairas e ao O pola rexión dos Altiplanos. O dobramento desta cadea prodúcese basicamente en dúas fases, a primeira a finais do Cretáceo e a segunda a principios do Terciario. O extremo N do sistema, en Alasca, está formado polas montañas de Endicot, con dúas ramas, a de Long Mountains e a de Baird Mountains, seguidas ao SL polas montañas Davidson, que separan as concas dos ríos Yukon e Mackenzie. Coas Ogilvie Mountains éntrase na rexión das Rochosas canadenses, coa fosa das Montañas Rochosas, duns 1.600 km de lonxitude e de 3 a 25 km de anchura, de orixe preglacial. En EE UU, as Rochosas presentan un fraccionamento moito máis acentuado. De L a O, sitúanse as Rochosas propiamente ditas, que no altiplano do Colorado presentan unhas cincuenta cimas superiores aos 4.000 m. Seguen as rexións tabulares, a conca do Wyoming e o macizo do Colorado; despois, outra vez os altiplanos, irrigados ao N e despois máis secos, ata os desertos do clima continental de Utah e Nevada. Outra vez xorden as altas montañas; ao N a Cascade Range, e ao S a Sierra Nevada, coa cima máis alta de EE UU, o Whitney (4.418 m). Despois dunha serie de depresións atópase unha última barreira montañosa, a Cordilleira da Costa, tras a que chega á costa do Pacífico. En canto ao clima, os macizos situados ao N do paralelo 55 pertencen á rexión subártica, de extrema continentalidade. Máis ao S, o clima é aínda continental pero con temperaturas medias de inverno e de verán máis altas. As chuvias van diminuíndo contra o S, malia que con alteracións profundas segundo as vertentes.