monte

monte

(< lat monte)

  1. s m [XEOG]

    Elevación natural do terreo de tamaño considerable. OBS: Cando vai seguido do nome propio emprégase monte e non montaña.

  2. s m [XEOG]

    Terreo non cultivado cuberto de vexetación espontánea ou árbores. Usualmente emprégase este termo con significado forestal para referirse a calquera vexetación leñosa, adquirindo un significado máis preciso cando vai acompañado dun calificativo. Así, o monte aberto é o terreo de arboredo adulto con copas que cobren do 5 ao 20% da superficie e que se emprega para o pastoreo. Nel adoitan mesturarse devesas de pasto e arboredo de aciñeiras, sobreiras, carballos, cerquiños e rebolos. O monte alto é o arbóreo, dominado por especies dese porte. O monte baixo é o de arbustos, que ademais pode estar composto por especies arbóreas que non acadan máis que o porte de arbustos, debido ás podas frecuentes para a extracción de leña. O monte medio é o que ten caracteres mesturados de monte alto e monte baixo. O monte adevesado é o monte alto, arbóreo, aclarado e limpo de arbustos para favorecer o crecemento da herba; destínase ao pastoreo ou aos cultivos de ciclo longo. En Galicia o monte vén ocupando unha superficie moi estable, ao redor de dous terzos da superficie total galega, desde mediados do s XX ata a actualidade. Pero esa estabilidade esconde cambios moi significativos no seu aproveitamento económico, que tradicionalmente se centraba en tres piares. En primeiro lugar era empregado para a produción de estrume, esencialmente toxo e fieitos, e elaborar o esterco orgánico necesario para renovar os nutrientes necesarios para o cultivo intensivo da terra. En segundo lugar utilizábase como espazo de pastoreo libre para o gando; e en terceiro lugar, practicábase nel o sistema de rozas para o cultivo de cereais, fundamentalmente centeo. Estes aproveitamentos económicos explican a grande extensión que ocupou e a forte deforestación que sufriu o monte galego. A explotación comezou en épocas prehistóricas e acadou a súa máxima repercusión a mediados do s XIX, momento a partir do que se incrementan as repoboacións, aínda que con especies alleas ás autóctonas, esencialmente piñeiros, de diferentes variedades, e máis recentemente o eucalipto, moi expandido en áreas litorais e menos no interior debido ás súas maiores esixencias climáticas, posto que non soporta ben as xeadas cando o exemplar é novo. As repoboacións tiveron pouco desenvolvemento nun primeiro momento porque as comunidades campesiñas se opoñían frontalmente ás realizadas en monte comunal. Pero ao longo do s XX foron adquirindo maior forza, grazas ao impulso dos organismos públicos nun principio, e despois dos particulares, ao comprobar os bos rendementos dos piñeiros e os altos prezos que acadaba a madeira. Os resultados dese proceso de repoboación foron moi notables, pois na actualidade a superficie arborada ocupa preto de tres quintas partes da forestal e un terzo da superficie total de Galicia. Ademais, Galicia é a comunidade española máis destacada na produción silvícola (6.000 m 3 en 1999), achegando o 40% da mesma (2000) e o 25% do valor (inferior á produción debido a que o piñeiro e o eucalipto teñen un prezo máis baixo que o que acadan as madeiras nobres que se producen noutras áreas do estado); o que supón o 15,06% da produción final agraria (2000). A superficie arborada acada 1.100.000 ha, con aproximadamente un 32,92% na Coruña, un 35,26% en Lugo, un 18,96% en Ourense e un 12,86% en Pontevedra. Delas, unhas 400.000 ha son de coníferas, entre as que sobresae o Pinus pinaster, co 76% (que en Lugo se reduce ao 40%, acadando na Coruña e Pontevedra preto do 90%, e en Ourense unha cifra semellante á media galega), o Pinus sylvestris co 11% (en Lugo ascende ata o 43%) e o Pinus radiata o 7% (12% en Lugo e 11% en Pontevedra). Outras 125.000 ha están cubertas de frondosas, entre as que sobresae o Eucalyptus globulus cun 45%, mentres que manchas mixtas de varias clases de frondosas ocupan un 36% desa extensión. Na Coruña o eucalipto supón o 87% das frondosas, fronte ao 67% de Pontevedra e o 38% de Lugo, sen existir apenas en Ourense, onde se conservan, xunto con Lugo, as maiores extensións de especies frondosas caducifolias autóctonas. As restantes 575.000 ha están ocupadas por unha mestura de coníferas e frondosas. A propiedade do monte en Galicia foi obxecto dunha historia complicada durante a época contemporánea. Foi explotado na maior parte dos casos baixo un réxime comunal desde época moi antiga, pero coa división municipal de 1835 as novas entidades administrativas tentaron xestionar os montes e obter deles un beneficio, xurdindo un claro conflito coas comunidades veciñais que foran as tradicionais usufrutuarias. Os maiores conflitos sobre a propiedade dos montes aconteceron a partir da década de 1940, cando o Patrimonio Forestal do Estado e o organismo que o sucedeu, ICONA, iniciou repoboacións masivas mediante convenios cos concellos ou as diputacións provinciais, ás que ían parar practicamente todos os beneficios. Como consecuencia destes problemas foron promulgándose unha serie de leis. A primeira delas foi unha Lei Xeral de Montes (1957), que recoñecía as particularidades existentes en Galicia, pero non chegou a ter efectos prácticos. Logo, outras dúas en 1968 e 1980 xa eran específicas sobre montes veciñais en monte comunal e supuxeron un grande avance nas reivindicacións das comunidades campesiñas, de xeito que se lle recoñeceron os seus dereitos sobre os montes (e sobre os beneficios que producen) e eliminouse a tutela de calquera administración sobre eles. O conflito rematou en moitas ocasións co recoñecemento xurídico de moitos montes como bens de propiedade particular colectiva. O inventario de montes mancomunados realizado pola Xunta de Galicia en 1993 ofrecía un total de 650.000 ha de montes veciñais en monte comunal (un terzo da superficie forestal galega), sendo moito máis significativos en Ourense (275.000 ha) e Pontevedra (126.000 ha) que na Coruña (35.000 ha) e Lugo (22.000 ha). Aínda que a produción de madeira con fins comerciais é, e será, a orientación produtiva dominante do monte, debido ao déficit na UE de madeira, como consecuencia dun crecemento exponencial da demanda, non debe esquecerse que se manteñen outros aproveitamentos secundarios como os de obtención de leña, mel, caza e froitos, ademais de medrar pouco a pouco outras funcións que nun futuro terán moito peso, como a socio-recreativa e a ambiental.

  3. s m

    Conxunto de cousas situadas unhas enriba doutras que forman unha elevación.

    Ex: tiña un monte de papeis enriba da mesa.

    Sinónimos: montón.
  4. s m

    Conxunto de cartas da baralla ou de fichas do dominó que quedan despois de repartir para iniciar a partida.

  5. s m [XOGO]

    Xogo de azar que consiste en sacar dúas cartas de enriba e dúas cartas de abaixo da baralla, apostando os diferentes xogadores por algunha delas.

  6. monte comunal/ común [DER]

    Terreo non cultivado que pertence a unha parroquia e que pode ser xestionado pola mancomunidade de montes.

  7. monte de piedade [HIST/ECON]

    Establecemento benéfico que fai préstamos, xeralmente peñorativos, de bens mobles, cun interese módico. O primeiro foi creado polos franciscanos Bernardino da Feltre e Barnaba da Terni (1462), en Perugia, para evitar que a xente humilde caese en mans de usureiros. Co tempo, en lugar de traballar con herdanzas, os montes de piedade traballaron cos cartos producidos polos xuros. Posteriormente entraron en decadencia e, se conseguiron sobrevivir, foi grazas ao feito de que traballaron con caixas de aforros.

  8. monte de Venus [ANAT]

    Rexión púbica da muller en forma de saínte arredondado, máis ou menos pronunciado, que se sitúa diante e por riba do orificio vulvar.

  9. monte iilla [XEOL]

    inselberg.

Frases feitas

  • A monte loc adv 1 Emprégase cos verbos deixar, estar, ir e quedar para indicar que unha terra non se cultiva. 2 Emprégase para indicar que unha persoa, especialmente un neno, non ten educación.

  • Montes e moreas. Expresión que indica abundancia de algo, xeralmente en sentido irónico.

Refráns

  • Canto máis anda un no monte, máis espiñas colle.
  • Do monte mao, fuste na mao.
  • No monte andan os lobos e no val os raposos.
  • O monte é para os lobos e o val para os raposos.
  • O que vive na montaña, coida que ten algo e non ten nada.
  • Todo o monte non é ourego.

Palabras veciñas

Montblanc | Montcada | Montcada i Reixac | monte | Monte | Monte Albán | Monte Alto