Montes Domínguez, Uxío
Poeta, xornalista e ensaísta. Doutorado en Filosofía e Letras na Universidad de Madrid, coa dirección de Ortega y Gasset, e licenciado en Dereito na Universidad de Oviedo, foi catedrático de Filosofía en Cádiz. Intensificou a súa formación humanista durante dous anos na Sorbonne de París e posteriormente foi elixido director do Instituto de España, primeiro en Lisboa e logo en Roma. Formado no ambiente cultural da Residencia de Estudiantes e do Ateneo, e habitual doutros círculos intelectuais madrileños, estableceu contacto con diversos intelectuais, como Rafael Alberti, Cansinos Anssens, Gerardo Diego, Federico G. Lorca, Ramón Gómez de la Serna ou Miguel de Unamuno. Pertencente ao conxunto de escritores do novecentismo galego e incluído na Xeración do 22, influíu notablemente nos autores da Xeración Nós, sobre todo en Vicente Risco. Introduciu en Galicia correntes líricas modernistas e vangardistas, especialmente ultraístas, influído polo pensamento de Eugeni D Ors, e dotou á literatura galega dun ensaio autenticamente moderno. Foi un gran coñecedor do Renacemento e un dos renovadores da prosa e da oratoria da súa época. No ámbito político participou en Acción Española e na fundación de Falange Española. Colaborou con numerosos xornais e revistas, dos que destacan Alborada, La Nación, Nós, El Pueblo Gallego, Revista de occidente ou La Zarpa. Experimentou en todos os xéneros literarios, se ben tivo preferencias pola poesía e o ensaio. Da súa produción literaria en galego e castelán destacan O vello mariñeiro toma o sol e outros contos (1922), Versos a tres ca as o neto (1930), cunha estética semellante á de Amado Carballo; Tres contos (1939), El viajero y su sombra (1940), Melodía italiana (1943), Elegías europeas (1949), ou La estrella y la estela (1953). No campo da investigación e do ensaio cómpre subliñar Federico II de Sicilia y Alfonso X de Castilla (1943), Interpretación de Portugal (1944), Discurso a la catolicidad española (1954), Orense (1965) e El romanticismo de los clásicos (1978), baseado no discurso que pronunciou ao ser investido como membro da Real Academia Española de la Lengua (1978). Recibiu o Premio Mariano de Cavia (1934) e o Premio Francisco Franco (1944), e foi membro da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, da Academia Nacional Cubana de Artes y Letras e da Academia Dominicana de la Lengua.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Bande -
Deceso
Lugar : Madrid