Montevideo
Capital de Uruguay e do departamento homónimo, situada no esteiro de Río de La Plata, no punto onde se abre ao Atlántico, sobre a baía de Montevideo (1.303.182 [1996]). A onda inmigratoria da segunda metade do s XIX provocou o desenvolvemento da cidade (9.000 h [1830]; 300.000 h [1890]). A función urbana principal, á parte da político-administrativa, é a comercial, orientada sobre todo á exportación de produtos de base como la, coiro e carne, cara ás áreas consumidoras europeas. Ata un certo punto, a cidade queda sometida á influencia de Bos Aires, do outro lado do estuario. Fundada en 1726 por Bruno Mauricio de Zavala, foi atacada frecuentemente por indios, portugueses e brasileiros. Diversas medidas administrativas aprobadas durante a segunda metade do s XVIII impulsaron definitivamente o crecemento da cidade, que en 1810 e 1811 se converteu na capital de Uruguay. Ocupada diversas veces, sobre todo polos brasileiros (1816-1828), entre 1843 e 1851 foi asediada polas forzas do xeneral Manuel Oribe.