Montpellier
Capital da rexión de Languedoc-Rosellón e do departamento administrativo de Hérault, Francia (287.981 h [1999]). Situada nunha fértil chaira, regada polos ríos Lez e Verdanson, érguese sobre uns pequenos outeiros areosos. O centro inclúe a parte esencial do equipamento e as actividades urbanas. Entre estas é salientable a universitaria, xa en 1180 funcionaba unha escola de medicina, pero a universidade foi fundada en 1289. Tamén destacan as funcións comercial e industrial. A industria comprende os sectores tradicionais (téxtiles, alimentarios e mecánicos), e máis modernamente destacan as instalacións da firma IBM. Con todo, a influencia rexional de Montpellier quedou freada polas cidades de Narbona, Nimes, Marsella, Lyon e Toulouse. Fundada contra o ano 1000 constituíu o centro de señorío de Montpelleir, adquiriu unha grande importancia no s XIII, vencellada á Coroa de Aragón (1204-1359), e en 1382 foi incorporada definitivamente á coroa francesa. Numerosas epidemias e a anexión de Provenza a Francia (1481), coa conseguinte aparición de Marsella como porto principal do S de Francia, determinaron a súa decadencia. Importante centro hugonote no s XVI, foi conquistada por Luís XIII en 1622 e pasou a ser cabeza da xeneralidade do Baixo Languedoc. Durante o s XVIII iniciáronse os cultivos hortícolas, prosperou a industria química e Montpellier converteuse nun centro de comunicacións importante. Do seu patrimonio cultural destaca a igrexa da antiga abadía beneditina, convertida en catedral de Saint-Pierre; e o paseo de Peyrou, comezado en 1689 e acabado en 1776 por Jean Antoine Giral.