Montréal
Cidade da provincia de Québec, situada na illa de Montréal, na confluencia dos ríos Ottawa e San Lourenzo (1.016.376 h [1996]). É a cidade máis grande de Canadá. Esténdese sobre e arredor da masa volcánica do Mont-Royal. É o principal porto do río San Lourenzo, xa que se atopa no extremo da navegación oceánica polo L, e enlazada por unha canle cos Grandes Lagos, ao O. Unha localización favorable e o desenvolvemento dos transportes ferroviarios e marítimos axudaron á formación dun importante núcleo industrial diversificado. A actividade industrial comprende industria pesada, metalurxia de base, maquinaria eléctrica, construción naval e ferroviaria e industria de bens de consumo. Montréal conta coas universidades anglófonas de McGill (1821) e Concordia (1974) e as francófonas de Montréal (1876), Laval (1852) e unha delegación da Universidade de Québec. Fundada en 1642 por colonizadores franceses dirixidos por Paul Chomedey de Maisonneuve ao carón do poboado iroqués de Hochelaga, a súa situación, á beira dos rápidos de Lachine, converteuna nun centro importante do comercio de peles, a pesar dos constantes ataques de iroqueses e ingleses, que a ocuparon en 1760. Negouse a unirse á revolución estadounidense e durante o s XIX creceu rapidamente. No s XX produciuse unha rápida industrialización, que a converteu na principal cidade de todo Canadá. Foi sede dos Xogos Olímpicos de 1976.