morcego

morcego

(< lat mure ‘rato’ + caecu ‘cego’)

  1. [ANIMAL]
    1. morcego da fraga [Barbastella barbastellus, Fam dos vespertiliónidos]

      Quiróptero de tamaño medio (entre 4,4-5,8 cm), que presenta as orellas anchas e curtas, ao igual ca o fociño, e que pode atoparse en zonas boscosas e de montaña.

    2. s m

      Calquera mamífero da orde dos quirópteros, que se caracterizan por ser os únicos mamíferos que poden voar activamente, e posuír extremidades anteriores modificadas en ás membranosas, e extremidades posteriores que utilizan só para sustentarse en repouso. Teñen as orellas grandes, e algúns o nariz grande, para poder captar os sons que emiten para orientarse no espazo e capturar o seu alimento (ecolocación). Son nocturnos, e a alimentación é variable, de aí que existan especies vexetarianas, insectívoras (como todos os morcegos da Península Ibérica) e hematófagas (vampiros). Os seus principais inimigos son algún estrixiformes, polo que se refuxian en diversos sitios. Na Península Ibérica, existen especies que pertencen ás familias dos rinolófidos (morcegos de ferradura, do xénero Rhinolophus), dos vespertiliónidos (xéneros Myotis, Pipistrellus e Plecotus), e dos molósidos (non presentes en Galicia). En Galicia, as especies máis comúns son o morcego mediterráneo de ferradura (Rhinolophus euryale), o morcego de Daubenton (Myotis daubentonii), o morcego de orellas fendidas (Myotis emarginatus), o morcego de Natterer (Myotis nattereri), o morcego de Bechestein (Myotis bechsteinii), o morcego de monte (Pipistrellus savii), o morcego orelludo meridional (Plecotus austriacus), o morcego da fraga (Barbastella barbastellus), o morcego das covas (Miniopterus schreibersii) e o morcego rabudo (Tadarida teniotis). OBS: Tamén se denomina muricego.

    3. morcego de ferradura

      Morcego do xénero Rhinolophus, da familia dos rinolófidos, que se caracteriza por posuír un nariz (de valor taxonómico) con excrecencias cutáneas, a través do que emiten, coa boca pechada, os sons de ecolocalización. Destaca o morcego pequeno de ferradura (Rhinolophus hipposideros), que habita en bosques e repousa nos ocos das árbores; o morcego grande de ferradura (R. ferrumequinum), que tamén habita en zonas boscosas, e repousa tanto nas árbores como en covas cálidas; e o morcego mediterráneo de ferradura (R. euryale). OBS: Tamén se denomina rinolofo.

    4. morcego de monte [Pipistrellus savii, Fam dos vespertiliónidos]

      Morcego de entre 4,3-4,8 cm de lonxitude, que presenta as orellas curtas e anchas e o pelame escuro. Atópase na montaña ata os 2.600 m de altitude, e repousa nos ocos das árbores e nos nichos rochosos.

    5. morcego de orellas fendidas [Myotis emarginatus, Fam dos vespertiliónidos]

      Morcego de entre 4-4,5 cm de lonxitude, que presenta as orellas grandes cunha fendedura na metade superior do bordo exterior, moi bigotudo e con coloración escura.

    6. morcego orelludo meridional [Plecotus austriacus, Fam dos vespertiliónidos]

      Morcego de entre 4,6-5,3 cm de lonxitude, que presenta as orellas moi grandes que oculta debaixo das ás cando descansa, e que pode atoparse en hábitats abertos.

  2. s m

    Termo do latín dos chafoutas ou xerga dos albaneis que corresponde á voz ‘mulo’.

Palabras veciñas

morbosidade | morboso -sa | morca | morcego | Morcego, Teatro do | Morcelle | Morchella