Morcego, Teatro do
Compañía profesional de teatro que creou Celso Parada en Moaña. Os seus espectáculos insírense no xénero da comedia, con textos de carácter social ou de denuncia. Iniciou a súa andaina coa presentación en 1989 de Kartoteka, a partir do texto de Tadeusz Rozewic. Dos seus espectáculos destacan Misterio cómico, dirixido por Julio Cardoso sobre un texto de Darío Fo (1991, Premio Compostela á mellor dirección e ao mellor actor, 1992), Dobermann, de Antón Reixa, dirixido por Quico Cadaval (1993, Premio Compostela ao mellor texto orixinal), O Lazariño de Tormes, dirixido por Andrés Pazos (1997, Premio María Casares á mellor versión, 1998), Os vellos non deben de namorarse, dirixido por Celso Parada (2001), Momo (2002, Premio María Casares ao mellor vestiario) e A gran ilusión, de Eduardo Filippo e dirixido por Celso Parada (2003, Premio María Casares á mellor actriz e ao mellor vestiario, 2004).