Xallas
Xallas
Río da vertente atlántica. Nace a 400 m de altitude no monte Castelo, nos límites entre Coristanco e Tordoia a partir dos regatos Vilamaior, Castiñeiras e Bazar. O seu curso forma meandros e divídese en varios brazos que forman pequenas illas. Recibe, entre outros afluentes, o Abuín e o Beba, ambos os dous pola esquerda. Baña os concellos de Coristanco, Santa Comba, A Baña e Zas e forma o límite entre os de Mazaricos, Carnota e Dumbría. No seu curso construíronse cinco centrais hidroeléctricas. Desemboca, despois dun percorrido de 64,5 km e unha conca de 504 km2, na enseada do Ézaro, formando unha fervenza.