Xallas, comarca do

Xallas, comarca do

Comarca rural situada na parte occidental do interior da provincia da Coruña (42° 56’ 57’’ N - 8° 04’ 59’’ O. Limita ao N coa comarca de Bergantiños (Coristanco), ao L coas de Ordes (Tordoia), Santiago (Val do Dubra), A Barcala (A Baña e Negreira), ao S coas comarcas de Noia (Outes) e Muros (Muros e Carnota) e ao O coas da Terra de Soneira (Zas) e Fisterra (Dumbría). Abrangue 391 km2cunha poboación de 16.563 h [2001] distribuída nos concellos de Mazaricos (187,3 km2; 5.769 h [2001]) e Santa Comba (203,7 km2; 5.769 h [2001]). A vila de Santa Comba é a reitora da comarca, un dos tradicionais centros de mercado que organiza o sistema rural de Galicia.
Xeografía física
Xallas constitúe un territorio intermedio dentro da provincia da Coruña entre as terras que descenden cara á costa atlántica, ao N, e as que forman as comarcas que rodean o río Tambre. Trátase dunha extensa chaira pola que discorre o curso do río Xallas. Unha meseta perfectamente individualizada dentro da metade occidental do interior coruñés cunha altitude media entre os 300 e os 400 metros. O río, que segue unha dirección NL-SO, une os concellos de Santa Comba e Mazaricos nunha gran continuidade xeotectónica. Hai un descenso altitudinal desde as terras máis altas de Santa Comba ás máis baixas do val do Xallas en Mazaricos. No límite setentrional as elevacións montañosas marcan unha divisoria natural coas áreas limítrofes, entre o Xallas e as concas veciñas. Entre estas aliñacións destacan, no límite N, a Serra de Soneira e os montes de Santa Bárbara, que a separan da conca do Anllóns (Bergantiños) e do Val do Dubra (Santiago), e máis cara ao NL, os montes de Freixeiro, que anuncian a transición cara ao val do Barcala. Na parte occidental do concello de Mazaricos, os montes da Ruña forman outro límite altitudinal. O macizo do Pindo, que é cruzado polo Xallas cara ao océano, e a súa prolongación cara ao S, separan a comarca da enseada de Carnota e do mar. Non obstante, a terra de Xallas caracterízase polo seu relevo relativamente chá, de meseta, con suaves ondulacións. O Xallas, eixe da rede hidrográfica comarcal, recolle un alto número de afluentes que proceden dos montes da periferia que forman unha sucesión de vales e pequenos montes que fragmentan a comarca, aínda que sen grandes pendentes. O encoro da Fervenza, na metade occidental da comarca, forma un gran lago. Non entra dentro da conca do Xallas o río Santabaia, que en Mazaricos forma un pequeno val orientado cara á ría de Muros e Noia. O clima da comarca entra dentro do dominio climático oceánico húmido. O réxime térmico é moderado cunha oscilación anual entre os 10 e os 11°C, reducida pero superior á da costa e unha temperatura media anual de 12,4°C. O inverno é curto e de escaso rigor, aínda que se rexistran algúns días de xeada e o verán é de suavidade térmica. O mínimo por meses corresponde a xaneiro, con 6,8°C. A primavera é longa e maniféstase en lixeiros incrementos intermensuais, mentres que o outono supón unha breve transición. As dúas máximas individualízanse en xuño (18,2°C) e agosto (18,5°C). As precipitacións alcanzan os 2.000 mm anuais, cifra alta que se xustifica pola influencia dos ventos húmidos que proceden do océano en todo Xallas, xa que a orografía non actúa como pantalla e permite o seu paso. Durante os meses de verán redúcense notablemente e a comarca vese afectada polo déficit hídrico. O número de días de chuvia durante o mes de xullo é de catro, mentres que no de xaneiro chega a ser de 28, pero todos estes valores tenden a agudizarse un pouco conforme avanza a altitude, e así, as temperaturas descenden varias décimas e as chuvias achéganse aos 2.500 mm. Aínda que a ocupación humana do espazo é moi intensa, non chega ao 50% do territorio. A paisaxe vexetal orixinaria vén definida pola presenza de extensos bosques de caducifolias, especialmente carballos, castiñeiros e bidueiros, que deixaron o seu lugar a toxeiras e xesteiras naqueles sectores de forte pendente ou expostos aos ventos. Esta paisaxe foi espoliada e substituída na maior parte por bosques de eucaliptos e de piñeiros que hoxe cobren a maior parte do espazo sen cultivar.
Xeografía humana
A evolución demográfica da comarca do Xallas durante o s XX vén marcada pola diminución da súa poboación polo éxodo rural. O proceso emigratorio comezou no s XIX, pero foi máis intenso no primeiro terzo do s XX, coa emigración a América. Esta corrente mantívose ata mediados do s XX. A partir de 1960 a recesión do agro galego provocou outra onda emigratoria cara a cidades españolas e Europa, especialmente Suíza e Alemaña. O subemprego agrario, a mecanización dos labores agrarios que precisaban así menos man de obra e o crecemento natural da poboación foron as causas da emigración. O número de habitantes baixou en toda a comarca, incluso a cabeceira, Santa Comba, permaneceu nunha atonía demográfica no terceiro cuarto do s XX. A corrente emigratoria relaxouse a comezos da década de 1980 cando se freou a marcha cara a Europa. O éxodo rural cara ás cidades galegas, en especial cara á capital autonómica e provincial, segue a ser moi importante e unha das causas actuais da perda de poboación na comarca. Entre 1991 e 2001 houbo un descenso do -10,24% dos habitantes. A poboación caracterízase polo recorte da natalidade e polo seu avellentamento (o 24,6% da poboación é maior de 65 anos, fronte ao 11,1% dos menores de 15), produto da emigración das décadas pasadas.
Xeografía económica
Xallas é unha área basicamente rural dedicada á gandaría modernizada, que se sitúa entre as primeiras comarcas de Galicia na produción de leite e de carne vacúa. A ordenación do marco físico e as condicións climáticas permiten aproveitar case todo o territorio para o seu uso agrícola. Estas excelentes condicións naturais e a dispoñibilidade de auga en toda a comarca, favorecen o cultivo de millo e forraxeiras, e a formación dos prados, que medran doadamente case todo o ano. A superficie agraria ocupa unha notable extensión, e a maior parte dedícase a pastos permanentes. Segundo o rexistro de gando bovino de 2001-2002, hai 1.660 explotacións agropecuarias dedicadas ao gando vacún. Posúen un total de 40.574 bovinos, dos que 30.244 son vacas de muxidura, entre as que predomina a raza frisoa (82,4%), mentres que a rubia galega, máis favorable para o seu aproveitamente cárnico, só representa o 5,5%. Esta especialización gandeira da comarca carrexou a tecnificación das explotacións, a súa modernización produtiva e a súa orientación mercantil, feitos que permitiron incrementar o nivel de renda agraria e, polo tanto, o nivel de vida de moitas familias rurais. Por outro lado, este proceso tamén supuxo o descenso do emprego agrario (28,8% dos activos) e do número das explotacións, ao tempo que medraban cada vez máis a cantidade de cabezas de bovinos. A industria (13,8% dos activos) tamén medrou a través de pequenas empresas de serradoiros, alimentarias, metálicas, madeira, talleres téxtiles e materiais de construción. O sector da construción (20,9% dos activos) tamén aumentou nos últimos anos da man do desenvolvemento urbano de Santa Comba, e da realización de novas vivendas e rehabilitación das que existían nas parroquias rurais, grazas ao incremento das rendas. O pulo agrario favoreceu igualmente o sector servizos (36,5% dos activos), aínda que neste caso está practicamente concentrado en Santa Comba, que reúne os servizos administrativos básicos (salvo os xudiciais, pois parte da comarca pertence ao partido xudicial de Negreira e outra ao de Muros), como os educativos, sanitarios, financeiros, comerciais e ocio-recreativos. A rede de estradas ten unha reducida densidade e a comarca non se inclúe dentro das principais vías de comunicación de Galicia. Só destacan estradas comarcais que a percorren e a rede de vías locais.
Historia
A antigüidade do poboamento destas terras amósase nos restos atopados, como mámoas ou dolmens e os restos castrexos como os de Lebarco, Boaña ou Busto en Santa Comba. Da época romana consérvase unha estela funeraria que se descubriu na igrexa de Santa Comba. Xa na Idade Media estas terras foron berce do condado de Trastámara. Durante o Antigo Réxime exerceron o señorío o arcebispo de Santiago de Compostela, os marqueses de La Sierra e Parga e o mosteiro de Sobrado. A proclamación da Consitución de 1812 aboliu o réxime señorial e supuxo o establecemento da administración municipal do territorio. Daquela creáronse os concellos de Colúns, Eirón, Cícere e Xallas. A derrogación da Constitución de 1812 por parte de Fernando VII en 1823 supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835, coa creación dos concello de San Xoán de Mazaricos e Santa Comba.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, cómpre destacar as igrexas de San Cristovo de Corzón, Santa Baia de Chacín e San Xoán de Mazaricos, no concello homónimo, e os pazos de Cícere de Enriba e Cícere de Embaixo e a torre de Randulfe (BIC, 1994) en Santa Comba. Celébranse, entre outras, as festas de San Xoán e a Virxe do Monte en Mazaricos e as do Carme en Vilar de Céltigos e a romaría de San Bertomeu en Santa Comba.