Xava
Illa do arquipélago de Sonda, pertencente a Indonesia (129.018 km2; 121.352.608 h [2000]). Está situada entre Sumatra e as illas de Sonda. O S está ocupado por un sistema montañoso cheo de conos volcánicos (Semeru 3.876 m), mentres que o N está consituído por aluvións modernos, socalcos antigos e baixos altiplanos calcarios. O clima é ecuatorial e a vexetación de bosque ecuatorial. A poboación é rural. Hai algunha gran cidade como Xacarta, Surabaya, Bandung, Semarang ou Yogyakarta. A agricultura baséase nas plantacións de cana de azucre, café, tabaco e arroz. Da explotación forestal destaca o té e o caucho. Ten importantes recursos mineiros: petróleo, manganeso e ouro. O 85% da industria é azucreira. Durante os ss I-IV recibiu influencias hindús e cara ao s XV converteuse ao Islam. Foi visitada polos portugueses (s XVI) e polos holandeses (s XVII) que someteron os vellos imperios de Mataram (1755) e Bantam (1808). Sometida aos ingleses entre 1811 e 1816, incorporouse a Holanda como parte das Indias Orientais. Dominada polos xaponeses (1942-1945), a illa integrouse como a novena república libre dos Estados Unidos de Indonesia (1949), que constituíron a República Unitaria en 1950.