Xeral Estoria

Xeral Estoria
[HISTORIOG]

Tradución galega da General Estoria (1272-1284) de Afonso X o Sabio, que se realizou no primeiro terzo do s XIV. Consérvase no manuscrito O.I.i. da Biblioteca de El Escorial e está escrita en pergamiño, con 153 folios, a 2 columnas. Non se coñece con certeza o manuscrito castelán do que procede nin quen o traduciu, pero varias notas marxinais informan de que o tradutor ou copista puido ser Nuno Freire. A General Estoria foi concibida como unha magna historia do mundo, confeccionada baixo a perspectiva medieval, que pretendía reflectir o saber enciclopédico da época, especialmente sobre astronomía, filosofía ou as sete artes liberais, combinando a historia bíblica coa profana, ademais do elemento fantástico. O texto divide a historia en idades, segundo santo Agostiño, e a pesar de ficar inacabado (chega soamente ata a época en que viviron os pais da Virxe María), describe a creación do mundo, a invención dos instrumentos e a evolución da humanidade. Inclúe todas as fontes mitolóxicas e lendarias, entre elas a Biblia, os Santos Padres, Xosefo Flavio, os historiadores e poetas latinos, compendios medievais dos poemas de Homero, obras de autores franceses, como a Historia Scholastica de Pedro Comestor, ademais de obras de autores árabes e peninsulares como Paulo Osorio, Hidacio e santo Isidoro. A versión galega contén só os seis primeiros libros e a metade do sétimo, e queda interrompida na terceira idade, na vida de Xacob. Tamén existe unha tradución ao portugués, posiblemente de finais do s XIV e un manuscrito castelán do s XV que non é unha copia dun manuscrito anterior castelán, senón que se trata dunha retradución da versión galega.