Xibraltar
Territorio británico situado no extremo S da Península Ibérica, no estreito do mesmo nome (6 km2; 28.240 h [2001]). Está constituído por un promontorio rochoso (425 m) unido a terra firme por un istmo formado por unha chaira baixa e areosa. A maioría da poboación é de lingua castelá, aínda que o idioma oficial é o inglés. O recurso económico principal procede do porto que é, ademais, unha base militar e unha escala para o comercio e o aprovisionamento de carburante. Foi ocupado polos musulmáns (711), con Ṭ āriq ibn Ziyād á cabeza, e os almohades fortificárono no s XII. Posteriormente pasou a mans de Castela (1309-1333 e desde 1462). A súa defensa, ben armada por Carlos I e Filipe II, foi descoidada polos seus sucesores, o que facilitou que durante a Guerra de Sucesión Española a escuadra anglo-holandesa do almirante G. Rooke o ocupara en nome do arquiduque Carlos de Austria (1704). Desde ese momento o goberno de Londres considerou Xibraltar como un dominio británico, e así foi recoñecido polo Tratado de Utrech (1713). Filipe V e Carlos III realizaron diversas tentativas sen éxito para recuperar a praza e, desde 1830, recibiu o estatuto de colonia británica, e os seus habitantes obtiveron a cidadanía británica en 1981. O seu primeiro ministro foi Joshua Hassan, do Gibraltar Association for Civil Rights (GLP), que gobernou ata 1969. En 1973 ingresou con Reino Unido na CEE e desde 1985 España e Reino Unido acordaron a libre circulación entre Xibraltar e España. En 1991 o goberno xibraltareño rexeitou a proposta española de soberanía conxunta, que incluía a concesión dun réxime autónomo. Desde 1996 o primeiro ministro foi Peter Caruana (reelixido en 2000), con David Durie como xefe de goberno desde 2000. Conserva restos prehistóricos, pois en varias covas do seu territorio atopáronse (1848) cranios correspondentes ao tipo Homo neanderthalensis.