xogo

xogo

(

  1. s m

    Acción de xogar.

  2. s m

    Cada unha das actividades que se realizan para entreterse, e nas que se poden arriscar cartos.

  3. s m

    Aquilo con que se xoga e que ten determinadas normas.

  4. s m

    Conxunto de cartas que ten un xogador na man.

  5. s m

    Conxunto de cousas que teñen as mesmas características básicas e unha finalidade determinada.

  6. s m

    Combinación de elementos que dá lugar a un conxunto.

  7. s m

    Maneira de xogar ou de actuar conforme a unhas intencións determinadas.

  8. s m [ANAT]

    xoga.

  9. s m [TECNOL]

    Movemento relativo posible entre dúas pezas contiguas dun mecanismo.

  10. [DEP]
    1. s m

      Xuntanza deportiva na que se realizan competicións de distintos deportes. OBS: Nesta acepción adoita empregarse en plural.

    2. xogos do Mediterráneo

      Competición multideportiva, celebrada cada catro anos, que reúne os países das diferentes ribeiras do Mar Mediterráneo. Desde 1991 celebrádonse un ano despois dos Xogos Olímpicos. A primeira edición celebrouse en 1951 en Alexandría. O emblema dos xogos son tres aros, coa parte inferior ondulada, como emerxendo das augas do mar, que simbolizan os tres continentes unidos por esta competición: Asia, África e Europa.

    3. xogos panamericanos

      Competición multideportiva que se celebra cada catro anos, sempre un ano antes dos Xogos Olímpicos, entre os países do continente americano. A primeira edición celebrouse en Bos Aires en 1951.

  11. teoría dos xogos [MAT]

    Teoría que analiza matematicamente o comportamento óptimo dos diversos xogadores ante posibles estratexias aplicables para a resolución gañadora do xogo. Foi establecida en 1928 por J. von Neumann xunto co economista O. Morgenstern, e permitiu introducir a aplicación dun tratamento matemático a unha serie de problemas non só de tipo económico, senón tamén sociolóxico, psicolóxico e político.

  12. xogo de palabras [LING]

    Expresión que se aplica ao feito de xogar cunha palabra de dobre sentido ou con dúas palabras homófonas para conseguir un efecto divertido ou enganoso.

Frases feitas

  • Entrar en xogo (algo). Ser algo un factor a ter en conta para algunha cousa.

  • Facer o xogo (a alguén). Axudar a que consiga o que quere.

  • Xogo de azar. Xogo no que se adoita apostar cartos e no que gañar ou perder depende da sorte.

  • Xogo de mans. Truco que se fai coas mans.

Refráns

  • As barallas, escusalas; mais, collidas, xogalas.
  • Carta xogada non debe ser levantada.
  • De mal pau, mala estomela.
  • Dicir mal das cartas é xogar a dúas barallas.
  • O as de ouros, non o xogan bobos.
  • O costume de xogar trae o vicio de pedichar.
  • O diñeiro do xogo vaise logo.
  • O mellor das cartas é non xogalas.
  • O mellor lance dos dados é non xogalos.