Xunta de Galicia
Denominación do poder executivo ou goberno da Comunidade Autónoma de Galicia nacido ao abeiro do modelo de organización territorial de España establecido na Constitución de 1978 e cuxos principios reguladores e directrices básicas se atopan no Estatuto de Autonomía de 1981. Ambos os dous textos conteñen a ordenación dun sistema de goberno de tipo parlamentarista.
Antecedentes históricos
Historicamente, pódese atopar a denominación xunta en diversos aconteceres históricos reivindicadores da personalidade propia de Galicia como nacionalidade ou nación, como a Xunta do Reino de Galicia, distintos documentos do nacionalismo galego como o Manifesto da Asamblea Nazonalista de Lugo de 1918, que contemplaba esta institución; ou o antecedente do Estatuto galego de 1936, que establecía un órgano de goberno tamén chamado Xunta de Galicia. No Real Decreto-lei de 16 de marzo de 1978, instituíuse o réxime preautonómico para Galicia. As preautonomías foron unha especie de descentralización administrativa iniciática outorgada polo goberno español ante as reivindicacións das periferias máis concienciadas politicamente, sobre todo, catalás e vascas. No caso galego recibiu a denominación de Xunta Preautonómica e perdurou ata a entrada en vigor do réxime autonómico ata que se disolveu en 1982.
Regulamento e composición
O desenvolvemento por extenso da institución efectuose mediante a Lei reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente de 1983, modificada en 1988. Os poderes executivos dos sistemas parlamentaristas autonómicos están compostos por un presidente que é elixido polo Parlamento de entre os seus membros e nomeado polo rei. Exerce funcións de goberno, dirección política e administrativa e funcións de representación dentro e fóra da Comunidade Autónoma, ademais é o representante ordinario do estado nesta. O segundo órgano executivo é o Goberno ou Consello de Goberno. Trátase dun organismo colexiado formado polo Presidente e os conselleiros designados por el. Desempeña funcións de goberno executivas e de dirección da administración autonómica e responde da súa actuación ante o Parlamento.
O presidente
Para ser investido presidente da Xunta de Galicia precísase obter a confianza do Parlamento tras a celebración de eleccións autonómicas. O candidato, previa presentación do seu programa de goberno, precisará do apoio da maioría absoluta dos votos dos deputados en primeira votación, sendo suficiente maioría simple en segunda votación, vinte e catro horas despois; se no prazo de dous meses ningún candidato acada a confianza do Parlamento, este disolverase e celebraranse novas eleccións. A confianza deberá manterse no decurso de toda a lexislatura. As relevantes competencias outorgadas e a evolución dos actuais hábitos políticos, configuran un sistema político de claro predominio do presidente dentro do goberno autonómico, xa que non só dirixe e coordina as funcións deste, senón que el é quen recibe ou perde a confianza do Parlamento e quen nomea e separa discrecionalmente os demais membros do goberno; a el lle corresponde sacar adiante o programa gobernamental e preside o Consello da Xunta. Se triunfa unha moción de censura contra o presidente cesa o goberno en pleno e é atribución del a disolución anticipada do Parlamento ou o sometemento á confianza deste, previa deliberación do Consello da Xunta.
O goberno
A Xunta de Galicia está composta polo presidente e os conselleiros como membros necesarios e, no seu caso e potestativamente por decisión presidencial, tamén polo vicepresidente ou vicepresidentes. A Xunta de Galicia cesa tras a celebración de eleccións ao Parlamento galego, nos casos de perda de confianza parlamentaria ou dimisión ou falecemento do presidente, aínda que continúa en funcións para evitar baleiros de poder. A Xunta actúa baixo a dirección presidencial, toma os seus acordos en consello celebrado semanalmente e dirixe a política xeral e administrativa da comunidade autónoma; a tal fin exerce a iniciativa lexislativa, a función executiva e a potestade regulamentaria, e elabora o presuposto anual; tamén pode interpor recurso de inconstitucionalidade perante o Tribunal Constitucional. Os conselleiros son os responsables dos distintos departamentos ou consellerías da Administración autonómica. Ten, polo tanto, tres funcións: función política ou de goberno, orientada a cumprir o programa gobernamental e impulsar as distintas políticas co auxilio da administración autonómica que coordina e dirixe; a función normativa, posto que capacidade para emanar actos con forza de lei, ademais de ostentar a titularidade da potestade regulamentaria; e a función executiva, que versa esencialmente sobre a execución do establecido nas normas mediante o auxilio da administración e que se encamiña a lograr os fins políticos que orientan a acción do goberno. As relacións entre Xunta e Parlamento son as clásicas dun sistema parlamentario, é dicir, control e esixencia de responsabilidade política coa capacidade do presidente galego de disolución anticipada da cámara. Os medios son practicamente idénticos ao modelo xeral español: preguntas, interpelacións, comisións de investigación, cuestión de confianza e moción de censura (construtiva). O crecemento do aparato burocrático ao servizo da Xunta de Galicia, a administración autonómica, desde o nacemento da Comunidade Autónoma ata hoxe foi realmente considerable. Segue, de xeito mimético, o modelo da administración do Estado (tanto nas estruturas territoriais coma nos organismos autónomos), de tipo institucional--burocrático, con sede central en Santiago de Compostela, e delegacións nas distintas capitais provinciais e cidades máis importantes de Galicia.