Bacon, Francis

Bacon, Francis

Filósofo e estadista. Barón de Verulam e vizconde de Saint Albans. Estudiou leis en Cambridge e exerceu diversos cargos políticos baixo o reinado de Xaime I, avogado ordinario da coroa (1604), fiscal xeral (1613), lord chanceler. No 1621, acusado de concusión, afastouse da vida política. Foi un dos primeiros en tomar consciencia da significación histórica das ciencias e de como estas tiñan que transformar non só a Filosofía senón tamén a vida dos homes. Para Bacon o saber debía permitirlle ao home o dominio da natureza. Esencialmente, a súa filosofía está baseada na substitución da lóxica dedutiva medieval, que el cualificou de estéril, por un novo método experimental e indutivo. A súa obra principal, o Novum organum scientiarum ou Indicacións relativas á interpretación da natureza (1620), xunto con De dignitate et augmentis scientiarum (O avance do coñecemento, 1623), principia o ambicioso proxecto dunha síntese global do coñecemento humano, que se nomearía Instauratio Magna (1623). Despois de criticar os prexuízos (idola) que obstaculizaban o camiño da verdadeira ciencia, fixou sistematicamente as regras da indución (táboas de presencia, de ausencia e de graos). Descoñeceu a importancia do método analítico e das matemáticas, amosouse adversario do método elaborado por Galileo Galilei, xa que os fenómenos íllanse do seu medio natural e son estudiados só nos seus aspectos mesurables. Durante moito tempo a filosofía de Bacon foi nomeada nova filosofía e filosofía experimental. O Novum organum tivo unha grande influencia en Inglaterra no s XVII e en Francia no s XVIII. Non obstante os progresos da ciencia no s XVII foron produto do método matemático-dedutivo elaborado por Galileo e Descartes, mentres que o método indutivo de Bacon non atopou terreo de aplicación ata o s XIX, co desenvolvemento da xeoloxía e da bioloxía evolucionistas. Bacon é tamén o autor duns Ensaios (1625), modelo de prosa inglesa nese xénero, compendio de reflexións dunha moral práctica, e dunha utopía científica inacabada New Atlantis (Nova Atlántida, 1626). Outras obras súas son: Historia de Enrique VIII (1622), Máximas do dereito (1630), Lectura sobre o estatuto dos usos (1642).

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Londres

  • Deceso