Bacon, Roger

Bacon, Roger

Ou doctor mirabilis (Ilchester 1214? - Oxford 1294?) Filósofo franciscano. Estudiou en Oxford, onde probablemente foi discípulo de Robert de Grosseteste e de Adam de Marsh. Despois dunha estancia en París foi profesor en Oxford (1251-1257). Obrigáronlle a deixar o ensino e foi obxecto de suspicacias ata que Guy Foulques foi elixido Papa (Clemente IV, 1265), feitos que aproveitou para escribir a súa obra principal, Opus maius. A súa actividade literaria continuou ata 1227, data na que as súas ideas relativas á Astroloxía foron englobadas nas proposicións condenadas polo bispo Tempier. Neste período escribiu tamén a Opus minus, Opus tertium e o Compendium studii philosophiae. Deixou sen rematar o Compendium studii theologiae (1292?). Fronte ao predominio, case exclusivo na súa época, da Filosofía e da Teoloxía en detrimento do estudo do Trivium e do Quadrivium, fixo unha reivindicación das sete artes, ligada no fondo á idea, que xa se atopaba en san Xustino, dunha revelación universal do Verbo. Bacon pensaba nun tipo de teoloxía distinto á da escolástica, e malia a redución que levou ao cabo das artes e da Filosofía á Teoloxía, que considerou como único coñecemento perfecto, non menosprezou nin a Filosofía, resultado dunha revelación que comeza con Adán e que os gregos recolleron, nin as outras ciencias, que posibilitan novos descubrimentos se se empregan os verdadeiros métodos. Bacon, con espírito innovador, afirmou a necesidade das matemáticas e do método experimental. Fixo experimentos de alquimia e de óptica, descubriu os focos dos espellos cóncavos, construíu un pequeno autómata, coñeceu o método de fabricación da pólvora e a construción de lentes. Enxeñou barcos submarinos, aparellos voantes e vehículos automóbiles, o telescopio e o microscopio.