Badajoz, Juan de
o Mozo (León? 1498? - 1560?) Arquitecto. En activo desde 1516 ata 1560. Fillo de Juan de Badajoz o Vello, á súa morte foi mestre da Catedral de León, onde traballou con Juan de Juni e Guillén Doncel nas obras de imaxinería. O seu estilo é de estrutura gótica, pero con decoración renacentista. Na catedral leonesa dirixiu as obras do trascoro (1535-1538) e do claustro (1540). En 1534 realizou a librería de San Isidoro de León; en 1536 construíu a capela do Infante en San Pablo de Peñafiel; en 1547 interveu na construción do Mosteiro de San Pedro de Eslonza, cun claustro que superaba nas súas proporcións ao que realizara no Mosteiro de San Zoilo (Carrión de los Condes) en 1537; e en 1550 fixo os planos do claustro procesional ou claustro vello do Mosteiro de San Salvador de Celanova.