Baden-Powell, Robert Stephenson
Militar e educador, fundador do movemento dos exploradores scouts. Destinado no exército colonial, tomou parte en accións militares na India e en África, onde puido comprobar as dificultades de adaptación da mocidade británica á vida ao aire libre e en condicións desfavorables, feito que lle levou a organizar un corpo de soldados escollidos, especialmente entrenados. En 1899 publicou Aids to Scouting (Axuda aos exploradores), onde recollía estas experiencias. O libro, chegado a Inglaterra en pleno sitio de Makefing (1899-1900), onde Baden-Powell tivo unha actuación destacada, acadou un éxito inesperado. Interesaba no só aos medios militares senón tamén aos representantes do ensino. Ao volver a Inglaterra Baden-Powell fixo unha adaptación do seu método destinada á educación civil dos máis novos. En 1907 experimentou a adaptación acampando con vinte rapaces procedentes de distintas clases sociais na illa de Brownsea, experiencia que recolleu en Scouting for Boys (Scoutismo para rapaces, 1908). En 1910 abandonou o exército para consagrar a súa vida ao movemento scout. No ano 1920 foi proclamado xefe mundial dos scouts; posteriormente recibiu o título de baronet (1921), e, máis tarde, o de barón de Gilwell (1929), en lembranza do lugar onde foron establecidos os primeiros campamentos-escolas. Escribiu diversas obras que consolidaron o movemento scout e que posibilitaron a súa práctica aos rapaces e aos nenos: The Wolf Clubs Handbook (Manual dos lobetos, 1916), Aids to Scoutmastership (Axuda para os xefes scout, 1920), Girl Guidin (Guía de rapazas, 1921), Lessons from the Varsity of Life (Leccións da escola da vida, 1934). En 1937, no jamboree de Vogelenzag (Holanda), retirouse da vida scout activa. Francia concedeulle o gran cordón da Legión de Honor e EE UU o premio Watelet da Paz.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Londres -
Deceso
Lugar : Nyeri, Kenia