Badia i Margarit, Antoni Maria

Badia i Margarit, Antoni Maria

Lingüista. Licenciado en Filoloxía Románica pola Universidade de Barcelona, no ano 1948 chegou a catedrático de Gramática Histórica da Lingua Española na Universidade de Barcelona e en 1977 a catedrático de Gramática Histórica Catalana. Foi reitor da Universidade de Barcelona (1978-1986). Desde 1987 foi o responsable do equipo catalán de PatRom (Patronímica Románica), dicionario histórico das liñaxes románicas. Desde 1989 presidiu a Sección Filolóxica do Instituto de Estudios Cataláns e foi presidente de honra da Société de Linguistique Romaine. A súa investigación no campo da lingüística histórica, sobre todo catalá, está dentro da tradición de Ramón Menéndez Pidal: tratou temas morfolóxicos, sintácticos, fonéticos, semánticos e xerais. En Coimbra (1945), con Armando de Lacerda, preparou os Estudios de fonética y fonología catalanas (1948). Inclinouse tamén cara aos estudos de dialectoloxía e especializouse en xeografía lingüística, desenvolvendo unha intensa actividade nas tarefas iniciais da confección dun Atlas lingüístic del domini català. A lingüística estrutural, a comparatística, a historia da lingüística, as relacións do catalán coas linguas veciñas e algúns aspectos de socioloxía lingüística foron obxecto do seu estudo, parcialmente recollidos en Llengua i cultura als Països Catalans (1964). Hai que engadir as súas obras de síntese, sobre todo a Gramática histórica catalana (1951) e a Gramática catalana (1962). No ano 1990 publicou o libro Llavor de futur.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Barcelona

  • Falecemento