Baeza
Baeza
Municipio da provincia de Jaén, Andalucía, drenado polo río Guadalquivir (16.012 h [1996]). É un centro agrícola (cereais, vide, oliveiras), industrial e gandeiro (cabalos), ademais de cabeza de partido xudicial. Conserva importantes testemuños da arquitectura renacentista andaluza; en moitos deles interveu o arquitecto Andrés de Vandelvira (1509-1575). Destacan a catedral, con restos mudéxares e góticos, a Igrexa de Santo Andrés, a do Convento de San Francisco (1546) e a casa consistorial (1559). Consérvanse as ruínas das antigas murallas. Foi sede dunha universidade da que se conserva o edificio con fachada de 1593.