Bahía Blanca
Bahía Blanca
Cidade da provincia de Bos Aires, Arxentina, situada á beira da baía homónima (260.096 h [1991]). É un centro comercial moi activo, que centraliza a exportación de la, carne e trigo da Pampa meridional. Ten refinería de petróleo, abastecida polo oleoduto procedente dos xacementos de Neuquén. É a sede da Universidad Nacional del Sur. Fundada en 1828 polo coronel Manuel Estomba como fortaleza para defenderse contra os ataques navais dos brasileiros e dos indíxenas da Pampa e da Patagonia, o seu plano segue un trazado hipodámico. Ata o 1834 foi denominada Fortaleza Protectora Arxentina.