Baión, San Xoán de

Baión, San Xoán de

Igrexa parroquial situada no termo municipal de Vilanova de Arousa. Está documentada polo menos desde 1088, cando Afonso VI fixo doazón deste templo ao mosteiro de San Martiño Pinario. Nas últimas décadas do s XII sufriu diferentes reconstrucións que desartellaron a súa fábrica románica, da que aínda conserva parte, sobre todo na ábsida, de planta rectangular. Accédese a ela a través dun arco triunfal dobrado e apuntado, volteado sobre columnas cunha sinxela decoración de follas. No exterior do testeiro da nave ábrese unha fiestra rematada nunha arquivolta de medio punto decorada e sostida por un par de columniñas con capiteis de follas semellantes a bastóns que rematan en espiral. No norte da ábsida ábrese unha capela señorial de inicios do s XVI cunha bóveda estrelada e un arco conopial.