Baiona, Santa María de
Igrexa románica de transición ao Gótico do último terzo do s XIII. Existiu un templo no s XII que dependía do mosteiro de Santa María de Oia. Diego de Muros concedeulle o rango de Colexiata en 1482, na actualidade é igrexa parroquial. O edificio reflicte a infuencia das propostas arquitectónicas cistercienses cunha planta basilical de tres naves, con cuberta de madeira, que se corresponden con tres ábsidas abovedadas con canón apuntado. Destaca a súa austeridade, manifestada tanto no interior como nos muros do exterior. A portada principal resólvese con arquivoltas lixeiramente apuntadas sobre columnas acobadadas e cun rosetón. Aparece flanqueada por dúas torres inconclusas. No muro S atópase unha capela cuberta con bóveda estrelada (s XVI?). No interior destaca a presenza do retablo maior barroco, obra de Antonio del Villar (1726). Posúe un certo estilo de igrexa-fortaleza.
 
                  