Wagner, Wilhelm Richard
(Leipzig 22.5.1813 -Venecia 13.2.1883) Compositor alemán. Atraído pola grande ópera francesa de Meyerbeer e as óperas de Weber, escribiu as óperas Rienzi (1842) e Der Fliegende Holländer (O holandés errante, 1843), coa que iniciou un novo estilo. Desde entón seguiu ese camiño con Tannhäuser (1845), coa que se afastou definitivamente do modelo tradicional de ópera, procurando darlle unha continuidade ao discurso musical. Probou tamén o uso do leitmotiv vinculado cunha situación anímica, un personaxe ou un feito determinado. Por outra banda, deulle unha importancia moi superior á orquestra, quitando ás voces o predominio que exercían ata entón no campo da ópera. En Lohengrin (1850) mostrouse influído ata certo punto polas formas tradicionais, pero en Tristan und Isolde (1865) xa completou a súa evolución. Destes anos datan a súa ópera cómica Die Meistersinger von Nürnberg (1868) e os bosquexos dos dramas líticos da tetraloxía Der Ring des Nibelungen. Conseguiu que Luís II de Baviera asumise o compromiso de crear en Bayreuth un teatro dedicado á súa obra. En 1876 estreou a súa tetraloxía completa no que sería o primeiro festival de Bayreuth. En 1882 estreou en Bayreuth o seu derradeiro proxecto, Parsifal. A profunda raíz xermánica da súa obra converteuno en símbolo do nacionalismo musical alemán. Na súa obra atópanse reflectidas moitas ideas próximas a Nietzsche. Influíu na música europea posterior e noutros círculos non directamente vinculados coa música.