Knidos
Knidos
Antiga cidade de Caria (Asia Menor), no extremo da península do Quersoneso. Fundada polos dorios, pasou a depender dos persas (540 a C) e durante o s V a C foi aliada de Atenas. Formou parte do Imperio de Alexandre o Grande e de diversos reinos helénicos, ata que se converteu en cidade libre dentro da provincia romana de Asia (129 a C). No templo de Afrodita situouse a escultura orixinal de Praxíteles coñecida como Afrodita de Knidos, esculpida en mármore, que representa a deusa núa no momento de ir tomar un baño. Os seus habitantes construíron en Delfos un tesouro de mármore ao redor de 560 a C dedicado a Apolo. Foi un pequeno templo in antis que se caracterizou polo emprego de cariátides no lugar de columnas.