Koblenz
Cidade situada no land de Renania-Palatinado, Alemaña (109.404 h [1998]). A súa localización na confluencia dos ríos Mosela e Rin fai que sexa o centro comercial do land, cun tráfico portuario moi importante. A súa industria derívase da agricultura. Nos últimos anos adquiriu unha grande importancia o turismo. A cidade ten a súa orixe nun campamento romano fortificado e construído por orde de Druso en 9 a C. Foi residencia ocasional dos monarcas francos, formou parte da Lotarinxia e logo integrouse no Sacro Imperio Romano-Xermánico (978). Anexionada polo arcebispado de Trier (1018), converteuse nunha das cidades eclesiásticas de Renania e desde o ano 1690 foi sé dos grandes electores. Durante a Revolución Francesa foi lugar de reunión de diversos exiliados como o conde de Artois e o duque de Brunswick, quen redactou o seu manifesto contra a revolución nesta cidade (1792). Conquistada polos franceses en 1794, despois das guerras napoleónicas formou parte de Prusia (1815).