Kuš, Reino de
Entidade territorial formada cara a mediados do s VIII a C que se prolongou, aproximadamente, ata 350. Os seus límites estendíanse entre a primeira e a sexta catarata do Nilo, na rexión de Sennar, malia que nalgunhas ocasións a Baixa Nubia, entre a primeira e a segunda catarata, escapou ao seu control. Os especialistas déronlle este nome polo núcleo do territorio que correspondía co antigo Kuš dos exipcios. Isto explica o carácter africano da súa cultura, moi influída pola faraónica. Este carácter acentuouse a partir do s III a C cando os soberanos empezaron a ser enterrados en Meroe en lugar de en Napata. Unha gran parte da súa historia está mal documentada e as principais fontes sobre o Reino de Kuš son as faraónicas e as clásicas, mentres que as autóctonas, escritas en meroítico, resultan inaccesibles polo descoñecemento desta lingua. O epónimo da familia real cuxita foi Kašta (760 a C-751 a C), pero o creador do seu poder foi Py ou Piankhy (751-716 a C) que conquistou Exipto. Con Šabako (716 a C-701 a C) iniciouse a dinastía XXV exipcia. A súa derrota a mans de Asurbanipal e a súa retirada ao territorio cuxita puxo termo á proxección exterior do reino. Durante o reinado de Aspelta (593 a C-568 a C) Napata foi conquistada polas tropas greco-exipcias de Psammetico II (593 a C), feito que algúns estudiosos vincularon ao traslado da capital a Meroe. Entre os últimos soberanos enterrados en Nuri, unha das dúas necrópoles de Napata, destacaron Amani-nataki-lebte (538 a C-519 a C), Amani-nete-yerike (431 a C-405 a C), Harsiotef (404 a C-369 a C) e Nastasen (335 a C-310 a C). Con Arakakamani (295 a C-275 a C) iniciouse a liña de reis que foron sepultados nas pirámides de Meroe, feito que implicou unha serie de cambios culturais que indican a relevancia dos elementos indíxenas africanos sobre os exipcios. A finais do s II a C o Reino de Kuš entrou nunha fase importante da súa historia no ámbito político, coa colonización de Baixa Nubia, e no cultural, co pleno desenvolvemento da lingua da arte e da arquitectura meroítica. A finais do s I os cuxitas entraron en contacto co Imperio Romano, e o prefecto de Exipto, Petronio, despois de derrotar os seus gobernantes, conquistou Napata (23 a C). En 22 a C, os cuxitas asinaron un tratado con Augusto polo que a fronteira quedou establecida en Maharraqa ou Hierasykaminos, ao S do Dodecasqueno. As causas da caída do Reino de Kuš, debida en parte a unha perda de poder político e económico, é obxecto de especulación: segundo algúns foron os belicosos nuba e para outros o Rei Ezana de Axum.