adiantado -da
(< adiantar)
-
adx
Que se anticipa, que vai por diante nun movemento, nun proceso, no transcurso do tempo.
Ex: Era un home adiantado ó seu tempo.
-
adx
Que está a rematar unha actividade iniciada hai tempo.
Ex: Comezou o traballo en xaneiro e xa o leva moi adiantado.
-
[HIST]
-
s
m
Cargo medieval de carácter contractual entre rei e vasalo, delegación polo tanto de atribucións da coroa, con competencia xudicial e funcións militares en tempo de guerra. Funcionario real que na Baixa Idade Media exercía a máxima autoridade ou gobernamento nun distrito fronteirizo ou adiantamento do Reino de Castela. Fernando III dotou os adiantados de facultades xudiciais, administrativas de goberno e militares que mantiveron ata o século XVI. Dende mediados do século XVI ata finais do XVIII o termo aplícase aos funcionarios militares encargados do ampliamento das fronteiras do Imperio Español. Segundo a súa autoridade territorial, distinguiuse entre adiantados maiores, con rango equiparable ao de almirante ou canceleiro, e adiantados menores, á fronte das meirindades ou partidos. A necesidade de quebrantar o poder político da nobreza induciu dende o Reinado dos Reis Católicos a unha progresiva substitución duns funcionarios tan poderosos por alcaldes maiores. Nos documentos medievais documéntanse as formas galegas adiantado e adeantado. Aínda que nos Reinos de León e Castela había adiantados maiores, menores e terceiros, no de Galicia só serán outorgados os do primeiro tipo. Fernando III trala unión, na súa persoa exclusivamente, dos Reinos de León e Castela no 1230 reforma a administración territorial creando o cargo de meiriño maior con atribucións xurisdicionais e políticas. Afonso X conserva esta estrutura ata o 1262, cando substitúe o cargo de meiriño maior polo de adiantado maior nos Reinos de León e Castela, e ao ano seguinte no de Galicia, cando se documenta como tal un don Andrés. As súas atribucións son correspondentes das que posuía o pouco explícito título de conde de Galicia; xa Fernán Pérez de Traba, fillo do conde de Galicia Pedro Froilaz, fora nomeado Cónsul de Galicia e Gobernador do Reino, coincidindo os seus poderes como tal cos posteriores do Adiantado Maior. Case a totalidade dos adiantados amosaron rebeldía aos reis leoneses-casteláns, ao tempo que connivencia coa monarquía portuguesa como vieiro para acadar maiores niveis de independencia para o Reino de Galicia. A política centralizadora dos reis leoneses-casteláns iniciada por Fernando III tratará de incorporar a nobreza leonesa e castelá ao cargo de Adiantado Maior de Galicia. No 1274 Sancho IV nomea para o cargo a Esteban Fernández de Castro, outorgándolle gran parte da herdade dos Traba, entre elas o condado de Trastamara, que queda vencellada ao adiantamento, desta maneira moi fortalecido. A situación de inestabilidade nos estratos altos da nobreza durante os Reinados de Sancho IV e Fernando IV reflíctese ben na celeridade con que se suceden en Galicia os titulares dos oficios reais, principalmente meiriños e adiantados maiores; a Fernández de Castro sucedeuno Xoán Afonso de Albuquerque no 1290; entre 1292 e 1300 son adiantados Paio Gómez Chariño e Fernán Rodríguez de Castro; seguen o infante don Filipe, irmán do monarca, Afonso Suárez de Deza, Alvar Núñez Osorio, Pedro Fernández de Castro, Fernán Ruiz de Castro e Pedro Ruiz Sarmiento. Durante o Reinado de Afonso XI iníciase a confusión entre meiriño maior e adiantado maior, figurando con ambos títulos a mesma persoa. Esta situación mantense con Pedro I, comezando a se normalizar con Henrique II de Trastámara, que vencella o cargo á liñaxe castelá dos Sarmiento, futuros condes de Ribadavia, que a partir de agora o monopolizarán. Estas medidas afirmaranse con Henrique III, que, ao nomear un Corrixidor e un Alcalde Maior de Galicia, separa do adiantamento a función xudicial e executiva, convertíndoo así nun título meramente nominal e honorífico que non é capaz a respostar ás tensións que xorden na Galicia de Henrique IV (violencia nobiliaria e Guerras Irmandiñas). Co absolutismo centralizador da monarquía dos Reis Católicos créase a Real Audiencia do Reino de Galicia, pasando as atribucións do adiantamento maior ao novo e máis efectivo cargo de Gobernador Xeral do Reino de Galicia, ao que se suma a Capitanía Xeneral ademais da Presidencia da Audiencia. Dende entón, a dignidade de adiantado maior convértese nun título honorífico que fica vencellado á casa dos Sarmiento: no 1499 Bernardino Sarmiento seguía a titularse adiantado; Xoán Hurtado de Mendoza acadou a titularidade no 1529 en calidade de esposo de María Sarmiento de Castro.
-
adiantado das alzadas
Na corte castelá-leonesa a partir de Afonso X, equivalentes a xuíces de apelación.
-
adiantado de Indias
Nomeados directamente pola monarquía durante a primeira etapa da conquista de América, ata a organización administrativa das colonias indianas en vicerreinatos e audiencias.
-
adiantado do mar
Raramente, tense aplicado esta denominación aos almirantes.
-
s
m
Frases feitas
-
Por adiantado loc adv Por anticipado, antes do tempo que corresponde. Ex: Solicitou os cartos por adiantado.