Antigo Museo

Antigo Museo

Fundouse en 1844, aínda que non se inaugurou ata o 20 de febreiro de 1847. A Comisión organizadora estaba dirixida por Bonifacio Ruíz, quen se encargou de xuntar e catalogar 128 cadros e reunir 12.000 monografías -indexadas segundo o método bibliográfico de Oliverio Legiponcio- que, procedentes dos mosteiros de Celanova, Oseira, Melón, San Clodio, San Domingos e San Francisco, formarían a colección inicial do Museo de Pinturas de Ourense. A primera sede do museo-biblioteca, dirixido por Bonifacio Ruíz, foi o Convento de San Fernando; sen embargo, a biblioteca desagregouse do conxunto entre 1849 e 1851. A partir de 1848 a colección espallouse por varios edificios: o Convento de San Domingos, o edificio do Goberno Civil (sede da Deputación) e o Hospital Provincial, aínda que se mantivo como colección organizada ata o ano 1872, cando se amplía coas obras do Museo de Pinturas enviadas á Deputación polos artistas pensionados, Tiberio Ávila e Silvio Fernández entre outros. Trala reorganización do 8 de novembro de 1888 creouse o Museo Provincial, constituído pola Comisión Provincial de Monumentos, para reunir nunha mesma institución o patrimonio arqueolóxico e artístico ourensán. Entre 1904 e 1927, cando se incendiou o edificio, ocupou o Centro Provincial de Instrución; dende 1934, xa como Museo Provincial, instalouse no Hospital das Mercedes; durante a Guerra Civil (1936-1939) situouse nas dependencias do almacén no museo antigo, onde permaneceu ata 1947, cando o bispado ofreceu o antigo Pazo Episcopal, onde se instalou en 1952. Dos 128 cadros do Museo de Pinturas consérvanse menos de trinta, entre as que se atopan as obras de Ferro Requeixo.

Palabras veciñas

antigás | antigo -ga | antigo -ga | Antigo Museo | Antigo Réxime | Antigo Testamento | Antígona