Bulir do
Publicación municipal, subtitulada “Voceiro do concello de As Nogais”, que apareceu en novembro de 1987 e desapareceu en 1990. Froilán Pallín Seco coordinou esta revista bilingüe de periodicidade irregular. Pola redacción pasaron Xulia García, Álvaro Bello, Cristina López, Pilar Pérez e Manuel Álvarez Prieto. Contou coa colaboración de Yolanda Antela, Gonzalo Latorre, María Xosé Nistal, Xosé Rico, Pablo Ruíz, Carmen Díaz Abraira, Ramón Pereira e Constantino López, entre outros. Malia a que nun principio contaba con seccións como “Entrevistas”, “Educación”, “Sanidade”, “O noso concello”, “Xuventude e deportes”, “Benestar” e outras, esta división fíxose máis flexible para incluír outras seccións de interese como “Medio ambiente” ou “Aula aberta”. Nas súas páxinas reproducíronse poemas de Manuel María, Xavier Prado “Lameiro” e doutros poetas locais. Tamén se rexistrou a versión galega dun poema de Cavafis, un fragmento do Catecismo do labrego, de Lamas Carvajal, ou a transcrición dunha conferencia de Fernández del Riego, xunto coas coplas do Cancioneiro popular galego, editado pola Fundación Pedro Barrié de la Maza. Os números 3, 4 e 5 levaban un suplemento que se titulaba O bulir na escola. Os nenos da comarca redactaban este suplemento que recolle cantigas populares, ditos, adiviñas ou poesías. Había artigos moi interesantes como “Estudio sobre o vocabulario da nosa zona” ou “Cousas para o recordo”, onde se falaba de aparellos antigos. Tamén incluíu narracións como A garduña aventureira ou O paraíso, que gañou o primeiro premio no concurso do Día das Letras Galegas.