Cámara
Cámara
Liñaxe galega, oriúnda de Portugal, que se estendeu a Santander, Burgos, Araba, Guadalajara, Soria, Murcia, Logroño e Valladolid. A esta caste pertenceu a heroína coruñesa Mayor Fernández de la Cámara Pita, coñecida popularmente como María Pita. Os de Galicia e Castela levan como armas: en campo de ouro, un corazón de goles atravesado por unha frecha de prata e cantonado de catro ventás de azul, cargadas con cadansúa flor de lis de ouro. Algúns recollen, en campo de sable, un castelo de prata cunha soa torre e dous lobos de ouro empinados aos seus muros. Outra variante trae escudo partido: primeira partición, en campo de prata, catro faixas de azul; segunda partición, en campo de prata, cun león rampante da súa cor.