Cambio 16
Semanario de información xeral fundado no ano 1971 en Madrid polo grupo Información y Publicaciones S A, do que foi presidente Luis González Seara. Aínda que nun principio se dedicaba exclusivamente a temas económicos e financeiros, co tempo introducíronse contidos sociais e políticos. Por mor da súa orientación política e da súa oposición á ditadura e á Lei de Prensa de 1966, sufriu diversas sancións e secuestros das tiraxes. O seu obxectivo era democratizar a prensa española. Conseguiu un gran prestixio polo ritmo áxil e anticonformista das súas informacións; de feito, rexistrou un dos índices de impresión máis altos da prensa española nos anos setenta con máis de 550.000 exemplares. En 1976 a mesma empresa editora sacou ao mercado o xornal Diario 16 e, pouco tempo despois, a revista dedicada a temas históricos Historia 16. Desde 1983 participou, coa Cadena Ser, na cadea de emisoras Radio Minuto.