Corrente
Movemento plástico e ideolóxico italiano de marcado carácter antifascista e contrario ao Novecento, que se orixinou en Milán e se espallou por toda Italia entre os anos 1938 e 1945. Xurdiu ao redor da publicación Vita giovanile, fundada en 1938 por Enrico Trecani, que cambiou o nome polo de Corrente di vita giovanile e, finalmente, por Corrente. Aínda que inicialmente o promoveron estudiantes universitarios, uníronse despois artistas plásticos, como Sassu, Birolli e Guttuso, cineastas (Lattuada), filósofos (Antonio Banfi) e homes de letras (Quasimodo). O seu ideario caracterizouse pola liberdade de expresión, que admitía todos os formalismos mentres estivesen ligados aos problemas da vida concreta e cotiá. En 1940 o goberno fascista confiscou a revista, sen embargo, os seus membros abriron a galería Bottega di Corrente e continuaron expoñendo ata o seu peche en 1943. Despois da guerra, algúns dos seus membros fundíronse coa Fronte Nuovo delle Arti.