Dereito
Publicación aparecida en Santiago de Compostela en xullo de 1992. Subtitulouse “Revista Xurídica da Universidade de Santiago de Compostela”. Contaba cun consello de redacción presidido por José M. Lorenzo Salgado e formado por Antonio Carro, Tomás Iribarren, Luis González, Luis M. Sobrado, Francisco Caamaño, Pedro Puy, Enrique García e Manuel Segura. Tiña a colaboración dos servicios xurídicos do Parlamento de Galicia. Dividiuse nas seccións: “Estudios”, “Parlamento”, “Xurisprudencia” e “Bibliografía”. Entre os seus obxectivos figuran o de divulgar a tarefa investigadora das facultades de dereito galegas, a integración e diálogo entre xuristas e académicos, o achegamento entre as institucións xurídico-políticas do país e a promoción do debate multidisciplinar no mundo das leis.