distanciamento

distanciamento

(< distanciar)

  1. s m Antónimos: acercamento, achegamento.
    1. Acción e efecto de distanciar ou distanciarse.

    2. Situación de persoas que están distantes.

      Ex: A nosa relación estivo marcada polo distanciamento tanto físico coma moral. 

      Sinónimos: afastamento. Antónimos: acercamento, achegamento.
  2. s m [ESPECT]

    Concepto dramático proposto por Bertolt Brecht, que fai referencia a un efecto oposto á identificación emocional provocada pola ilusión teatral e pola escena naturalista e figurativa, que procura a desalienación do espectador respecto da escena e dos mundos nela reflectidos. Este feito provocaría, en principio, unha toma de conciencia e unha maior implicación real nunha realidade social sempre conflitiva. Co obxectivo de provocar esa distancia necesaria entre o espectador e o mundo da escena, Brecht aposta pola presentación fronte á representación, para o que establece pautas interpretativas que incidan na permanente ruptura das vellas convencións e na distancia entre o actor e o personaxe que interpreta, e estratexias dramatúrxicas como a construción da trama a partir de pequenas escenas, a incorporación dun narrador, o uso de cantigas, a proxección de imaxes ou os cambios de escenografía, coas que se pretende mostrar o carácter de ficción escénica, para que o espectador manteña sempre a conciencia de estar nunha función de teatro e non diante da realidade mesma. Os efectos de distanciación Verfremdungseffekt, ou V-Effeckt, tiveron un considerable impacto na formulación das teorías da recepción teatral, ou en disciplinas como a dramaturxia, a teoría da interpretación, a teoría da posta en escena ou a socioloxía do teatro, ao tempo que influíron nas propostas de teatro de axitación e propaganda que se desenvolveron en Europa e América nos anos sesenta e setenta.

Palabras veciñas

distal | distancia | distancia | distanciamento | distanciar | distanciómetro | distante