este -ta
(< lat ĭste, ĭsta, ĭstud)
-
dem
Indica proximidade espacial ao emisor.
Ex: Este compacto é de Luar na Lubre e ese de Siniestro Total.
-
dem
Expresa proximidade temporal con respecto ao momento de enunciación. Ex. Estes días vai moi mal tempo, non parece o mes de maio. Este ano recolleuse moita uva. Esta semana non podo asistir ao curso.
-
dem
Emprégase para referirse a algo ou alguén que se acaba de dicir, que se está a dicir ou que se vai dicir.
Ex: Este discurso está dedicado a Carlos Casares. Isto hai que telo moi en conta para escoller a mellor opción. Apuntou isto no seu caderno: “Quérolle moito”. OBS: As formas neutras presentan i ou e (isto, esto) e non admiten variación de número. Ex: Isto só é a punta do iceberg. Esto explica a bancarrota da empresa construtora. O demostrativo este contrae coas preposicións en e de e dá lugar ás formas neste, nesta, nisto, nesto, nestes, nestas, deste, desta, disto, desto, destes e destas. Ex: Nesta cabeciña tola só teño paspallás. Desta forma non se van aclarar as causas do suceso. Comeu disto e sentoulle mal. No galego moderno coexisten tres paradigmas de demostrativos, con distribución xeográfica propia cada un deles, ademais dalgún paradigma mixto resultado do cruzamento dos anteriores e con vixencia só en puntos illados: a) este, esta, esto, etc é o paradigma máis estendido e o máis documentado nos textos galegos medievais; b) iste, esta, esto, etc coas formas masculinas en i- (iste, ise, aquil e il) forman unha zona compacta que comprende a maior parte da provincia de Ourense e o S de Lugo; e c) este, esta, isto, etc esténdese por dúas áreas descontinuas moi poboadas: unha comprende a metade S da provincia de Pontevedra e outra o nordés da Coruña.
Frases feitas
-
A todo isto/esto. Serve para centrar o interese no que se vai dicir. Ex: A todo isto, cantos asistiron ao pleno?
-
Esta si que é boa! Expresa sorpresa ante un feito inesperado.
-
Este día. Hai pouco tempo, pero sen poder precisar o día exacto. Ex: Pasou pola baiuca este día.
-
Isto/Esto é. Introduce unha aclaración ou explicación de algo xa dito. Ex: O galego é unha lingua románica, isto é, deriva do latín.
-
Nestas/Nisto/Nesto loc adv Neste momento. Ex: A Carapuchiña ía polo bosque e nisto atopouse co lobo.