natación

natación

(< lat natatĭōne)

  1. s f

    Acción e efecto de nadar.

  2. [DEP]
    1. s f

      Conxunto de actividades deportivas relacionadas coa natación. Como competición consiste en facer un percorrido, entre dous puntos en augas abertas ou ben unha distancia determinada nunha piscina, utilizando os catro estilos recoñecidos oficialmente: libre, costas, braza e bolboreta. As competicións oficiais efectúanse en piscinas de 50 m, con rúas dunha anchura de 2 a 2’5 m. Ata 1896 non se incluíu no programa olímpico na categoría masculina, e ata 1912 na feminina. As probas olímpicas para homes son: 50, 100, 200, 400 e 1 500 m libres; 100 e 200 m braza; 100 e 200 m bolboreta; 100 e 200 costas; 200 e 400 m estilos individuais; 4x100 m libre, 4x200 m libres e 4x100 m estilos. E para mulleres: 50, 100, 200, 400 e 800 m libres; 100 e 200 m braza; 100 e 200 m bolboreta; 100 e 200 costas; 200 e 400 m estilos individuais; 4x100 m estilos e 4x100 m libres. Outras especialidades dentro da natación deportiva son: saltos, wáter-polo, natación subacuática e probas de salvamento e socorrismo.

    2. natación sincronizada

      Conxunto de exhibicións acuáticas en que os participantes, só mulleres (individual, parellas e grupos), executan unha serie de figuras coreográficas, con acompañamento musical, nunha piscina de 12 m e de 1’7 a 3 m de profundidade. Foi admitida como proba olímpica en 1984.

  3. s f [FISIOL]

    Calquera forma de locomoción, independentemente do substrato no medio acuático. Os animais conseguen flotar facilmente grazas a órganos de flotación que diminúen o peso específico do animal (como a vexiga natatoria dos peixes), grao moi elevado de hidratación dos tecidos (medusas) e aumento da superficie corporal por medio de expansións alongadas ou por ter formas laminares. A auténtica natación é a dos que se desprazan libremente pola auga, por medio de cilios e flaxelos. Pode ser provocada por contraccións rítmicas (no caso de medusas e cefalópodos), por movementos musculares ondulatorios de todo o costado e da rexión caudal (a maioría dos peixes), por movementos ondulatorios das aletas e por movementos dos apéndices (crustáceos).

Palabras veciñas

Nasua | nata | nata | natación | natal | Natal | Natal