tigre, tigresa
(< lat tigre < grτίγρις)
-
s
[ANIMAL]
Mamífero carnívoro, de ata 3 m de lonxitude total, que presenta a pel avermellada, excepto a da parte interna das patas e as partes inferiores e frontais do corpo, que son brancas, todas atravesadas por franxas anchas e escuras. Son animais de vida solitaria, os machos e as femias só se xuntan durante a época de reprodución e cazan os dous. A femia pare unha camada de un a seis cachorros que permanecen xunto á nai ata o segundo ano de idade. Teñen unha dieta variada, comen cervos, gando vacún, ras, peixes ou prea. De orixe asiática, é un formidable depredador que ocupa hábitats moi diversos, desde Siberia ata Insulindia. É o representante máis grande da familia dos félidos. A especie divídese en cinco subespecies, o tigre indochino (P.t. corbetti), o tigre de Sumatra (P.t. sumatrae), o tigre de Java (P.t. sondaica), o tigre de Siberia ou tigre siberiano (P.t. altaica) e o tigre de Bengala ou tigre indio (P.t. tigris), sendo estas últimas dúas as máis importantes. Un estudo xenético realizado por un equipo científico do Laboratorio de Diversidade Xenética do Instituto Nacional do Cancro, de Frederick (Maryland, EE UU), propón que parte dos tigres ata agora adscritos á subespecie indochinesa se inclúan nunha nova, P.t. jacksonii.
-
gato tigre
[ANIMAL]
Mamífero carnívoro que mide 35 cm ata a cruz e 75 cm de lonxitude, máis 40 cm de cola. É de cor café claro a un gris terroso claro e presenta manchas ovais e raias de color café escuro ou negro. Aliméntase de roedores, pequenos primates, réptiles, insectos e aves. É un animal solitario de costumes nocturnas, moi bo agatuñador e moi áxil nas árbores. Habita altiplanos de densa vexetación, desde Costa Rica ata o N de Arxentina.