Barro Ameneiro, Senén

Barro Ameneiro, Senén

Profesor. Reitor da USC (2002). Doutor en Física pola Universidade de Santiago de Compostela, é catedrático da área de Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial dende 1995. Foi director do departamento de Electrónica e Computación da USC (1993-2002). Fundou e dirixe o Grupo de Sistemas Intelixentes, que orienta a súa investigación a múltiples campos, como o procesamento de sinais, sistemas baseados en coñecemento, robótica móbil, sistemas borrosos intelixentes, e computación neuronal. Presidiu o grupo de TIC da Conferencia de Rectores de Universidades de España (CRUE) dende 2003 ata 2005. Forma parte do Comité Permanente da CRUE dende 2005, onde foi nomeado vicepresidente (2008). Patrono da Fundación ANECA en calidade de vicepresidente da CRUE dende 2008, preside a Fundación Centro de Estudios Eurorrexionais (CEER) dende 2006, e a Rede Universitaria Iberoamericana de Incubación de Empresas (RedEmprendia) dende 2008. Foi vogal da Asociación Española para las Tecnologías y Lógica Fuzzy e da European Society for Fuzzy Logic And Technology (1996-1999). Realizou diversas estadías de investigación en varias universidades estranxeiras, como a Universidade de South Florida (Department of Computer Science and Engineering), a Universidade de California, en Berkeley, (Department of Electrical Engineering and Computer Sciences), e a Universidade de Bristol (Department of Engineering Mathematics). Participou na organización de varios congresos, ciclos de conferencias e cursos de verán (cinco), dos que destaca o 26th IEEE International Symposium on Multiple-Valued Logic, celebrado en maio de 1996 en Santiago de Compostela. Copresidente da International Conference on Artificial Neural Networks (ICANN 2002) e membro do comité científico do European Center for SoftComputing, é académico correspondente por Galicia da Reial Acadèmia de Doctors, ademais de doutor Honoris Causa pola Universidad Nacional San Luis Gonzaga de Ica (Perú). É editor de cinco libros, autor de case 200 artigos científicos, e membro dos comités científicos e editoriais de numerosos congresos e revistas de ámbito español e internacional.

Cronología

  • Nacemento