Curros Enríquez, Fundación
A fundación constitúese o 6 de maio de 2004 co apoio do Concello de Celanova, a Deputación Provincial de Ourense, a Consellería de Cultura, a Consellería de Educación, o Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega e as tres universidades e as dúas caixas de aforro galegas, para facerse cargo da antiga casa familiar do poeta Curros Enríquez, que foi nomeada Monumento histórico-artístico de interese local en 1976. A restauración da casa foi subvencionada polas tres primeiras institucións xunto co Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico, e na actualidade alberga un museo sobre a vida e obra de Curros Enríquez e doutros escritores celanovenses, como Celso Emilio Ferreiro, Castor Elices ou Méndez Ferrín. As instalacións, chamadas por este motivo Casa dos Poetas, preséntanse como un edificio típico da Galicia vilega de mediados do século XIX, cun patio interior que o conecta a outra vivenda de estrutura máis rural. Na parte posterior ubícase unha horta anexa onde se organizan actividades artísticas ao aire libre, mentres que no interior están instaladas catro áreas museísticas con exposicións sobre a vida de Curros e Celso Emilio Ferreiro. A pretensión de manter presente a figura de Curros remóntase xa a 1927, cando a Unión Orensana de La Habana envíou a Modesto Fernández para adquirir parte do conxunto ás herdeiras do poeta. Co gallo das celebracións do centenario do nacemento de Curros en 1951, o ano seguinte fúndase o Padroado pro-casa de Curros Enríquez coa intención de mercar as propiedades restantes para crear un proxecto museístico, aínda que a súa actividade iría minguando co tempo. Contra 1985, un grupo de mozos celanovenses revitalizou o Padrodado e o seu obxectivo último conseguiuse en 1996 coa compra da derradeira propiedade. O labor rematado, unido ao 150 aniversario da morte de escritor en 2001, que motivou o I Congreso internacional sobre Curros Enríquez e o seu tempo, provocou a refundación do antigo Padroado na actual Fundación.