Abad Vidal, Xosé
Fotógrafo profesional, especializado en fotografía publicitaria e industrial. Foi cofundador da Sociedade Fotográfica Coruñesa, do movemento Novos Fotógrafos Galegos e director da revista de fotografía 40 x 50. Formou o seu propio estudo na Coruña en 1979. Ten participado en numerosas exposicións colectivas como: Novos Fotógrafos Coruñeses celebrado na Coruña en 1982 e en 1984, a Fotobienal en Vigo en 1984, a intitulada Dende o Atlántico exposta en Xenebra, O Porto e Pontedeume; tamén Construír a paz. Cultura para a paz en Vigo, Ourense, A Coruña e Lugo. Participou tamén na mostra Sonimag 97 e no Outono Fotográfico en Ourense en 1998. Entre as súas exposicións individuais destacan a Bienal Fotográfica de Lugo en 1989 e Territorio Asháninka da Fundación Paz e Solidariedade, celebrada en Santiago en 1999. Ten asistido a numerosos congresos e seminarios, en Galicia e fóra (Suíza, Barcelona e Santander). Foi premiado, entre outros, co 1º premio no Certame Fotográfico organizado polo concello de Baiona en 1990 e gañou o Primeiro Certame de Creación Fotográfica Luis Ksado. Publicou o libro Construír a Paz. Cultura para a Paz en 1996, xunto con algúns outros libros-catálogo. Ademais da exposición, ten un libro e un documental para televisión intitulado Territorio Asháninka.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Figueres